A executoria patrimonial e medioambiental de Santiago de Compostela é particularmente ampla. Tomemos como referencia o ano 1985, do que vimos de celebrar o 40º aniversario da inclusión da cidade na lista do patrimonio mundial; un logro que non foi custoso porque en París, sede da Unesco, falar de Saint-Jacques é apelar á súa propia alma.
A este recoñecemento seguiu, en 1987, a declaración do Camiño Francés como primeiro itinerario cultural Europeo, logo patrimonio da humanidade en 1993, ata chegar á Cidade Europea da Cultura no 2000, con outras oito capitais de todas as latitudes e linguas. Estes recoñecementos, que conseguiron entusiasmar a cidadanía e recolocaron Compostela no mundo, non foron méritos exclusivos do equipo de Goberno, neles tomaron parte activa as Administracións central e autonómica, os grupos municipais, funcionarios e técnicos. Teño recoñecido o labor de moita xente, pero hoxe sinalo dúas mulleres: Pilar Navarro, xefa do gabinete de Felipe González, que foi un enlace eficiente e afectuoso, e María Xosé Fernández, que estivo ao noso carón, non como «muller de» senón como historiadora na concepción dos documentos.
O Concello celebrou este aniversario nun acto coa asistencia das tres administracións e dos anteriores alcaldes, pero botouse de menos un posicionamento público do Colexio de Arquitectos, tan próximo sempre a estas efemérides.
Volvamos á pregunta do encabezamento. Todo isto serviu para que en 1988 se aprobase un plan xeral que ordenou a cidade. En 1991 refundouse o Real Padroado de Santiago e, ao ano seguinte, o Consorcio participado polas tres administracións compartiu actuacións, máis alá da cidade histórica para iluminar barrios que estaban destinados a ser só periferia, remodelándoos con investimentos sectoriais e implantando grandes equipamentos descentralizados, culturais e deportivos, económicos e científicos, sanitarios e educativos. Todo isto desenvolveuse no marco do memorable programa de iniciativa municipal Compostela 93-99, entre anos xubilares. En 1998 o plan especial do Conxunto histórico puxo o colofón.
A cidade ten arestora novos desafíos para unha nova sociedade: poñer ao día o plan especial e a súa filosofía; enfrontarse á mobilidade, á vivenda e ao turismo conxuntamente; a un proxecto cultural para o ano xubilar 2027, e impulsar empresarios e empresas vinculados á altura científica e tecnolóxica da Universidade de Santiago. Para afrontalos, penso que é hora de superar a fronteira entre os principios de cada un para compartir un espazo de razoabilidade en común