Hai días saltou a noticia: Radio Nacional de España apaga as emisoras de onda media tradicionais, deixa en funcionamento as de frecuencia modulada e comeza a desenvolver a rede de radio dixital. Por lei, vana ter que seguir as demais cadeas de radio, empezando polas autonómicas. A nova radio (DAB+) ofrece unha calidade sonora moi superior, libre de ruídos e interferencias, e axuda a aproveitar mellor o espectro radioeléctrico: a FM obriga a que cada emisora ocupe a súa propia frecuencia, mentres que a DAB+ transmite varias canles nun só bloque por cada frecuencia que utiliza. Aínda máis, a DAB+ incorpora datos asociados ao audio —textos e imaxes— e a recepción é máis estable en movemento, no coche ou no tren... Inconveniente deste avance? Que os aparellos de radio hoxe correntes só sintonizan emisoras de OM (xa defunta) e FM. Como hai un período de transición da FM á DAB+, xa se fabrican receptores para ambas transmisións (os coches europeos lévanos desde 2021). Con todo, os usuarios da radio, medio omnipresente, quente e compañeiro, van ter que adquirilos para a casa. Europa aposta con decisión por esta tecnoloxía: Alemaña, Francia, Italia, Suíza, os Países Baixos e o Reino Unido xa dispoñen de redes de DAB+ consolidadas e en expansión. Agora é o momento de España.