Ulysses Grant foi presidente dos Estados Unidos entre 1869 e 1877 e pasou á historia como o responsable dun dos gobernos máis corruptos da historia. Foi tan desastroso e corrupto o goberno de Grant que no país norteamericano úsase o termo grantismo cando se quere dicir que un goberno é corrupto ou que un político non está á altura do seu cargo.
O grantismo refírese, pois, no básico á corrupción, aos gobernos que nos regan cada día as portadas de escándalos. O seu uso ten que ver, tamén, co feito de que os postos de responsabilidade política non se ocupen por méritos, senón porque os nomeados adoitan ser amigos de alguén, ou fieis do partido, ou enchufados. O grantismo refírese, pois, á incompetencia, cando un cargo é ocupado por unha persoa inexperta. Lembremos a responsable de Emerxencias durante a dina de Valencia, quen recoñeceu que non tiña nin idea de nada do referido, precisamente, ás emerxencias. Igual que estaba ela aí, ocupando ese cargo, hai ducias e ducias de persoas nas distintas Administracións que non teñen nin idea das responsabilidades que se lles deron. Altos cargos cuxo único mérito é levar moitos anos no partido, partirse a cara por un líder ou, en demasiados casos, ser familiar de alguén con mando en praza.
España é un país grantista. Completamente. Porque o modus operandi grantista favorece, premia e eleva a incompetencia política. Que hai unha morea de políticos incompetentes, é dicir, incapaces, é un feito. Pero volven gañar eleccións. Semella como que nada ten consecuencias, fagas o que fagas. Á xente non lle preocupa que haxa corruptos, aproveitados, ladróns e caraduras. Gañan igual. Que haxa fraudes, que se minta, que non se cumpra o prometido, que cando hai de verdade problemas (dinas, incendios forestais…) se demostre que non saben que facer… tanto ten. O grantismo triunfa igual.
Unha das últimas acepcións da utilización do termo, nos Estados Unidos, ten que ver coa manipulación política, coa utilización do aparato do Estado para beneficiarse, coas «manobras» para desfacerse de rivais políticos… Coido que todos temos na cabeza exemplos recentes de como funciona isto por aquí.
En tempos de grantismo, reivindiquemos a Platón, quen, entre moitas cousas discutibles, deixou escrito algo impepinable: un bo goberno só pode existir se os que gobernan son bos, xustos e sabios. En España, país grantista, a meirande parte dos altísimos cargos públicos, probablemente, non resistirían un test de cultura xeral. Xa non lles digo de lectura. Raramente se lles ve con libros.
Para que, se os van votar igual.