Vito Quiles na universidade

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Acto convocado en el campus de la Universidad de Navarra por el activista político Vito Quiles
Acto convocado en el campus de la Universidad de Navarra por el activista político Vito Quiles Jesús Diges | EFE

10 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Houbo un tempo no que as universidades eran un foco de rebeldía, un caldo de cultivo de ideas democráticas e, polo tanto, de ameaza ao autoritarismo. Parte do éxito da caída do franquismo (non nos enganemos, o franquismo quería seguir, diga o que diga o emérito no seu celebrado libro) ten que ver coa actitude dos grupos universitarios que, dende finais dos anos cincuenta (o réxime de Franco tivo contestación sempre e dende o primeiro momento) se organizaron para facer caer a ditadura e traer de novo a democracia (a idea era a República, pero en fin). O goberno tivo que tomar as aulas moitas veces coa policía armada, e centos de estudantes e non poucos profesores víronse represaliados, silenciados, torturados. A ditadura franquista, como todos os fascimos, tíñalle medo ao saber, ao pensamento, á ciencia, ao coñecemento.

Os medios de comunicación, controlados polo franquismo, falaban de «alborotadores» e aplaudían a represión. Malia iso, o estudantado seguiu firme e, ofrecendo un sacrificio persoal que ás veces lles fixo perder a vida a algúns, seguiu na súa loita sen medo.

Hoxe, a universidade española sae nos medios porque un ultradereitista pseudoxornalista chamado Vito Quiles está «de xira» por moitas delas para, sen que a autoridade académica lle dea o visto e prace, chantarse nos campus para soltar a súa soflama fascista, de odio e de intolerancia. Vai escoltado por homes con aparencia simiesca que o rodean para que, como el di, poida exercer a súa liberdade de expresión.

Aparecer nun campus, tentar entrar nas facultades para dar «unha conferencia» sen que o decanato te autorice, non é exercer a túa liberdade de expresión. Sobre todo se ao que vas é a insultar, a aldraxar e, sobre todo, a facer o que remata pasando: violencia.

O único que busca esa persoa é o que consegue. Que a xente se dea malleiras, que todo arda, que non haxa posibilidade de estudo, que non haxa clases porque a policía está tentando apagar o incendio que este pirómano social fai con tanto esmero.

As e os universitarios deben poñerse en pé, como fixeron noutrora, contra o fascismo, a intolerancia e a barbarie que representa este señor e outros que, coma el, tentan ocupar os espazos universitarios que sempre foron acubillo de sabedoría, pensamento libre e democracia. Para empezar, non indo ás súas chamadas. E, para seguir, chantándose fortemente diante. Para que quede claro que é a universidade, que é o pensamento libre, que é a democracia.

Se deixamos que os Vito Quiles da vida acumulen e controlen todo o espazo, tamén aquel onde se forma a xente, daquela, si que estamos perdidos. Vencidos e perdidos.