Clasismo sanitario

OPINIÓN

Santi M. Amil

31 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai máis de vinte anos, cando o meu avó estaba ingresado no hospital en Ourense, díxome que nunca podería imaxinar que ía morrer nun hospital compartindo cuarto cun xitano e un avogado, que eran en realidade os compañeiros que tiña ao seu carón e cos que conversou os últimos días da súa vida. Sospeito que o que máis lle chamou a atención non foi a presenza do xitano, senón a do avogado. Debeu de lle parecer algo insólito que alguén con cartos compartise destino e enfermidade nun hospital público. Non lle cabía na cabeza esa igualdade última. Se hoxe vise que a súa filla, é dicir, a miña nai, con demencia vascular, leva dous anos a esperar por unha cita en neuroloxía, decataríase de que as cousas mudaran. E esa é a realidade da miña nai e de moita máis xente que asiste a un deterioro evidente na sanidade e non comprende por que o hospital de Verín non ten un neurólogo permanente e derivan todo ao hospital de Ourense, desatendendo as comarcas e o mundo do rural.

Levamos moitos anos presumindo de sanidade sen reparar de todo nestas eivas e que non son froito do azar. Teño para min que hai unha planificación deficiente, agravada por anos de recortes e por unha xestión que lle dá máis importancia ao gasto que á cobertura asistencial. Hai un interese aberto para que o público non absorba a demanda e vaiamos cara á privatización. Cada vez máis pacientes vénse na obriga de acudir a clínicas privadas e obter diagnósticos ou tratamentos en prazos razoables. Iso si, só o fai quen o pode facer; quen non pode, non lle queda outra que agardar, aínda que sexa tarde para a súa doenza. A brecha sanitaria faise máis visible e contrasta co principio de igualdade que chegou a ver o meu avó. Se el vivise, e vise a situación en que se atopa a súa filla, pensaría con razón que el tivo máis sorte, porque ela talvez comparta cuarto cunha xitana pobre, pero nunca cunha avogada rica.