Hai cousas que se fan por lóxica, por dereito, por lei. Pero tamén por dignidade. Porque nos tocan dentro e nos definen como pobo. Hoxe, en Galicia, non se pode vivir a Xustiza en galego. Aínda que Constitución e Estatuto de Autonomía recoñecen o galego como lingua oficial e propia, e a pesar de que as leis nos dan dereito a usalo nos xulgados, a realidade é teimuda e dolorosa: o galego está practicamente excluído da Administración de Xustiza.
E isto é así, entre outras razóns, porque non hai ferramentas informáticas que permitan tramitar procedementos en galego. Cal é o resultado? Só un 3,5 % das actuacións xudiciais se fan na nosa lingua. A cifra fala soa. A ferramenta informática coa que se tramitan os procedementos xudiciais en Galicia, Minerva, non está dispoñible en galego. E a nova aplicación que vén —chamada Atenea—, tampouco se prepara para estar.
Esta situación non é neutra. Non se trata só dun problema administrativo, senón de dignidade: que unha persoa que fala galego poida recibir na súa lingua unha notificación xudicial, que os e as profesionais do dereito poidan traballar sen atrancos na lingua cooficial. Trátase, en definitiva, de que o galego non sexa unha lingua secundaria, senón unha lingua plena, tamén na Xustiza.
Temos diante unha oportunidade. En xaneiro de 2026 vaise implantar a nova aplicación informática Atenea, para xestionar os procedementos xudiciais. Se se quere, esta nova ferramenta pode nacer xa bilingüe. Aínda quedan meses por diante. Aínda hai tempo para que se garanta que esta ferramenta estea dispoñible en galego desde o primeiro día. Non pedimos privilexios. Pedimos igualdade. Só fai falta decisión política, amor polo noso e, como xa dixen, dignidade.
Por esta razón, desde a Irmandade Xurídica Galega, un grupo de profesionais do dereito comprometidos coa nosa lingua, falamos con voz clara e serena dunha ferida aberta que levamos arrastrando desde hai décadas: a exclusión práctica do galego da Administración de Xustiza. E presentamos unha petición á que se adheriron diversos profesionais do mundo xurídico alleos á Irmandade: que se garanta que a lingua galega poida ser usada con normalidade nos xulgados mediante a implementación da aplicación informática Atenea nunha edición bilingüe. Para que a Xustiza non sexa allea ao idioma do pobo.
A cooficialidade non é só un principio xurídico, é unha promesa de convivencia. O compromiso de que, neste recuncho do mundo chamado Galicia, ninguén terá que escoller entre exercer os seus dereitos ou falar na súa lingua. É o soño —aínda pendente— dunha Xustiza que nos recoñeza na nosa lingua.
O momento é agora. Unha Xustiza sen galego é unha Xustiza incompleta. Ningún pobo pode sentirse plenamente libre se se lle nega o dereito de vivir na súa propia lingua, tamén cando precisa que se lle faga xustiza.
Pedímolo porque é legal e é xusto. Nós temos patria, temos lar e temos lingua. Agora só pedimos o que é noso: que a Xustiza tamén fale galego.