
As cantareiras dominan este ano as Letras 2025 como fixeran os trobadores no seu día. A forza dunha lingua que tivo a metade das súas primeiras mil primaveras fora das letras escritas, lonxe da escola e á parte do Estado, non pode concibirse sen a cultura popular. O seu futuro tampouco. O que sexa a cultura popular nas vindeiras mil primaveras estámolo a decidir agora. Cultura de masas, cultura de medios, cultura de redes. Por iso as cantareiras deste ano son tan importantes, fálannos da forma colectiva e extensa de entendernos cantando e tocando en toda Galicia e fóra. Os pandeiros poden ser do norte de África, as gaitas tamén poden ser do Indostán, pero coa voz da lingua e o son da terra distinguímonos uns doutros á vez que nos asemellamos. E as cunchas, ai as cunchas, penso que só as tocamos nós.
Onde aprendemos galego os da miña xeración suburbial se non foi cantando A Rianxeira? Como limos a Rosalía se non foi escoitando a Amancio Prada? Como identificamos a lingua da nosa casa se non foi escoitando cantar nas vodas Ai Pepiño adios! e Para vir a xunta min? Aburados, cando quecía a festa do patrón, por un bo aturuxo ou por aquel berro de Árdelle o eixo! do que nós, nenos da EXB da era dos tractores, xa descoñeciamos o significado. Cantas veces vimos aos vellos petando na mesa mentres cantaban as mesmas de sempre enguedellando unha con outra.
Aquel mundo xa non foi máis, pero as formas da cultura popular transformáronse con el. Quen imaxinaba en 1961 a todo Balaídos cantando A Rianxeira en 2025? Quen podía pensar cando a Sección Feminina organizaba Coros e Danzas en milleiros de mulleres e homes tocando a pandeireta e aprendendo galego á vez, como sabe, fai e conta a grande Mercedes Peón?
As redes, o ciberespacio, a IA, serán en galego se cantamos en galego; o de escribir e ler, pois tamén si, para o da escola, se damos imitado a Antía Cal pode que o logremos.
O galego que ten futuro leva moito tempo demostrando que a súa forza está no pasado. Por iso tocar, cantar e bailar estase facendo para moita xente nova a forma de querer e darlle sentido a unha lingua maltratada. E todo isto vén das casas e do noso pasado, Tanxugueiras e Fillas de Cassandra incluídas, Xavier Díaz tamén. Rexistros diferentes, pero todos fannos sentir igual de iguais, o mesmo que Rodrigo Cuevas cando nos fai a galanura de cruzar a ría de Ribadeo para tocar e cantar ao xeito das vellas de Terra de Montes.
O que foi a cultura popular que nos trouxo o galego ata o presente é un misterio histórico e antropolóxico aínda non revelado. Que a lingua viña con música é algo que hoxe estamos a comprobar mellor que nunca. Agora, cento cincuenta anos despois da formalización do folclore galegos nos orfeóns, coros, cuartetos e corpos de baile, a capilaridade da música popular de mulleres, cegos, cantores de taberna, triunfa con novas formas vellas, concerto a concerto, cancha a cancha. Por iso imos cantar o 17 e bailar nas foliadas ao son das pandeiretas. Elas teñen a forza de mil libros. Parafraseando a Castelao, somos galegos por obra e graza dos cantares.