Metropolitano de Nova York: a gala da esaxeración

OPINIÓN

JUSTIN LANE | EFE

10 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi a gala dos MET, o que os entendidos denominan a noite máis importante da moda, co obxectivo de recadar fondos para o Museo Metropolitano de Arte de Nova York. Cada ano propónselles un código de vestimenta aos convidados; é dicir, a indumentaria dos presentes debe inspirarse no tema elixido. Ademais, ao desenvolverse no museo, as confeccións deberán ser obras de arte.

 Mirei algunhas das fotografías e outra cousa non, pero rechamantes si que foron adobiados. A cada cal máis extravagante e estrambótico. Brillos, tecidos metálicos, cortes asimétricos... e estruturas imposibles de levar con dignidade. Sombreiros, capas, colas inmensas, plisados desorbitados... Como poden camiñar con iso? Nin virar a cabeza se lles permite, con eses casquetes que levan.

Unha esaxeración, un exceso. Non dubido que sexa arte portar semellantes deseños, pero a elegancia, ao meu ver, segue sendo ese vestido sinxelo negro con só un laciño ou o traxe de xastre de toda a vida. Pero, claro, que saberei eu! Só é un gusto persoal, pero, logo de revisar novamente as imaxes, continúo a quedar coa sinxeleza da sobriedade.

Hai días que me sinto desbordada e asústome un pouco, pero quizais o normal sexa estar así, porque a pasada de voltas está afectando ao mundo en xeral. Falamos por riba dos decibelios aconsellables, sabemos de todos os temas e extremamos o noso ideario mentres sería preferible o silencio, a escoita, o sermos receptivos e amosarnos libres de artificios. Ou sexa, cun MET de Mellor Estar Tranquilos.