A ideoloxía maligna adoita ser a boa

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

ITALIAN GOVERNMENT | REUTERS

14 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Administración Trump decidiu que vai deixar de apoiar as universidades que «difundan unha ideoloxía maligna». Fai iso logo de advertir por carta á Unión Europea de que non quere traballar con provedores que teñan políticas de equidade nas súas empresas. Debe ser que prefiren empresas onde haxa políticas de desigualdade (ou sexa, as que xa hai, case que todas). No que ten que ver coas universidades, deixarán de financiar aquelas que difundan «ideoloxía de xénero» (ou sexa, feminismo) ou «xustiza climática» (ou sexa, que defendan políticas medioambientais pensadas para a conservación do planeta).

Haberá que dicilo con claridade: a ideoloxía «maligna» adoita ser a boa.

No seu día, o abolicionismo da escravitude era unha ideoloxía maligna e a xente que a defendía remataba en prisión. No seu día, a defensa da ciencia fronte da fe indiscutible da Igrexa levaba aos científicos á fogueira (por exemplo, Giordano Bruno) ou a, como Galileo, retractarse diante das ameazas da Santa Inquisición. O heliocentrismo (contrario ao que di a Biblia) era unha ideoloxía maligna, pero era a correcta. Cando Darwin enuncia unha teoría cientificamente válida sobre a orixe do ser humano, a súa teoría é considerada maligna, pero resulta que é verdadeira. Ou cando as sufraxistas din que a muller debe ter dereito ao voto. Por suposto, tal ideoloxía era supermaligna, pero a día de hoxe ninguén cuestiona algo que nos semella tan básico. No XIX, cando aparecen os sindicatos e claman contra do traballo infantil, as mentes bempensantes critican ese xeito de pensar (maligno), pero hoxe entendemos que a infancia debe ser un estamento protexido por riba de todo.

Podería pasar o resto deste artigo poñendo exemplos. Pero xa é dabondo para dicir o que quero dicir: todos os grandes progresos da sociedade foron sempre atacados polo status quo como malignos, indecentes, antinaturais ou, incluso, contra a vontade de Deus, sen embargo, unha vez que se aceptan, ninguén os cuestiona. Aínda non vin a ningún conservador queixarse das vacacións pagadas (logro do sindicalismo) ou a ningunha muller conservadora dicir que ela non debería votar (logro das mulleres que coñeceron o cárcere por defender eses dereitos). Todo o que no seu día foi «progresismo» hoxe é «sentido común». Todo o que no seu día algúns insistían en conservar, foi atropelado pola historia, pola lóxica, polo progreso e pola luz da verdade.

Trump, Vox, Meloni, Orbán e a Internacional de Ultradereita que opera en Occidente teñen claro que é «ideoloxía maligna». Abonda con saber un pouquiño de historia para comprender que a ideoloxía «boa» que eles defenden queren levarnos a moitos séculos atrás, onde a liberdade era para uns poucos e onde a escuridade dominaba todo.

A ideoloxía maligna adoita ser a boa.