Algoritmos e adolescencia

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

Ben Blackal / Netflix | EFE

04 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Tiña dúbidas sobre se quería vela ou non: por unha banda sabía que polo tratamento da súa temática debía vela, e por outra, tiña medo a enfrontarme á crúa realidade dos adolescentes de hoxe. Finalmente decidinme a ver Adolescence, a serie de Netflix creada por Jack Thorne e Stephen Graham, e dirixida por Philip Barantini, sobre un rapaz de trece anos sospeitoso de asasinar a unha compañeira de colexio, e sobre o papel das redes sociais nas súas vidas. As miñas dúbidas viñan sobre todo polo temor a descubrir que realmente son unha ignorante con respecto á vida dixital das novas xeracións, e pola impotencia que unha sente con respecto á falta de regulación no acceso dos menores ás redes e aos contidos radicais.

A serie é unha obra de arte, especialmente a nivel psicolóxico. Non xulga, simplemente presenta unha serie de feitos e contextos nos que dalgún xeito todos nos podemos sentir identificados. E no momento no que unha empeza a descubrir as razóns que motivan os acontecementos da serie, entón unha comeza a preguntarse cales son as opcións dos pais de hoxe en día para garantir que os seus fillos non estean expostos acotío a contidos violentos, discriminatorios, vexatorios, daniños. Pero tamén cales son as nosas opcións, as dos adultos para cos adultos, pois este é un mal que nos afecta a todos, a diferentes niveis, pero a todos. Só hai que mirar arredor de nós, ou mirar cara a política nacional e internacional, para así entender o impacto dos algoritmos nas nosas vidas. E os responsables, quen son? As mesmas empresas que, a pesar de ser conscientes do dano que están a facer no presente e futuro dunha xeración, nunca pagarán por el.