Os peixes de Foucault

Francisco Castro
francisco Castro ESCRITOR E MÚSICO

OPINIÓN

Alejandro Martínez Vélez | EUROPAPRESS

18 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O filósofo francés Michel Foucault explicou que igual que os peixes non se decatan de que viven na auga, porque están sempre inmersos nela, cando unha conduta social se normaliza, tende a tomarse como «natural», ata o punto de que se volve invisible por completo. Así, cousas que hoxe tomamos como normais hai só uns anos farían que nos botásemos as mans á cabeza. Viviriamos no escándalo perpetuo. Hoxe, malia ser escandalosas moitas das cousas que acontecen, xa non nos provocan ningunha clase de reacción. Porque son normais.

 Os peixes de Foucault só entenden que vivían na auga cando os sacan. Nese instante, asfixian. Acomodados, xamais pensaron que un día ían pillalos cun anzol, ían desgarrarlles a boca e ían chimpalos fóra da auga. Para morrer. Dalgunha maneira, estamos así. Porque vemos normal ter unha democracia cuestionada por partidos políticos que, coma Hitler no século pasado, se serven da democracia para acabar con ela dende dentro. Vemos normal que no país aturemos políticas e políticos que emiten mentiras e noticias falsas (como unha noticia vai ser falsa?, se é falsa, xa non é noticia) con tal de debilitar a un rival político que xa non percibimos como rival, senón como inimigo. Vemos normal prender a televisión e ver vulgaridade e unha expresión do pensamento mononeuronal onde quen sexa máis parvo vai ter máis minutos de televisión. Vemos normal que se censuren libros ou se prohiban obras de teatro (isto pasa en España onde cogoberna a ultradereita), que se pretenda reescribir a historia, que se siga homenaxeando a golpistas asasinos. Vemos normal que volva coller forza o machismo, a homofobia, ou que unha boa parte da mocidade diga que prefire o autoritarismo á democracia. Vemos normal que se perdan dereitos laborais, que se reprima a aqueles que reivindican melloras, a quen pelexa por un mundo mellor. Vemos normal que goberne un país unha persoa coma Trump, que fai promesas electorais que van en contra dalgúns dos dereitos humanos máis básicos. Vemos normal, en definitiva, un monte de anormalidades que pouco a pouco van minando algo que se tardou anos en conseguir.

Así que somos peixes. Todo se volveu tan normal que non nos decatamos xa de que as augas non están cristalinas, de que hai moita contaminación e de que todo se volve irrespirable. A tentación de deixarse ir, de retroceder, de volver a onde nunca quixemos estar. E tomaremos como normal que un día nos dean un tirón moi forte e nos saquen da auga. Aí asfixiaremos, abriremos a boca desesperados tentando coller aire. Ese día será tarde.

Cumpriría volver facer normal o que é normal.