Que pinta aquí o portugués?

Eduardo maragoto EXPRESIDENTE DA AGAL (ASSOCIAÇOM GALEGA DA LÍNGUA)

OPINIÓN

INTERNET

11 dic 2024 . Actualizado a las 11:44 h.

Xa coñecemos os grupos de traballo propostos polo Goberno da Xunta para renovar o plan de normalización. Un deles impulsará os vínculos coa lusofonía. Conveñamos que se avanzou, porque no plan do 2004 o portugués nin sequera aparecía mencionado entre 400 medidas. Será a primeira vez que a normalización do idioma e a lusofonía aparezan relacionadas no noso marco normativo.

Mais chegados a este punto, haberá quen cuestione: «Que pinta aquí o portugués?» É unha boa pregunta, con resposta máis difícil de dar a aquelas persoas que pouco máis leron nesta lingua que diminutivos de futbolistas brasileiros. Mais tentemos: o galego sofre unha hibridación acelerada que repercute no seu prestixio e, por conseguinte, no interese dos falantes por transmitilo ás seguintes xeracións. As persoas parecen concluír, e non lles falta razón, que a lingua acastrapada que falan non pode ter moito valor socioprofesional. «Para corrixir iso temos a escola», retrucarase. Mais os profesores de idiomas sabemos que as clases pouco poden facer nese sentido, porque ensinar un galego cuxa existencia os alumnos non confirman na sociedade é infrutuoso. Un exemplo: nas últimas décadas, os profesores esforzáronse moito en explicar o infinitivo conxugado (teres, termos, etcétera). Non valeu de nada: foi desaparecendo do galego común. Por que? Porque a complexidade do seu uso é tal que se torna imposíbel aprendelo só con materiais teóricos. Precisaría ser lido e oído en contextos comunicativos reais que xa só o portugués nos pode proporcionar.

«Pero iso non sería aprender unha lingua como se fose outra?» Non, sería máis ben explicar o galego doutro modo. Pensemos nas partes do corpo. As palabras testa, costas, coxa, canela ou calcañar pódennos soar aínda, mais moitos de nós xa só acertariamos a dicir frente, espalda, muslo, espinilla ou talón. Para lles devolver vitalidade, será mellor continuar a ensinalas como case perdidas ou como un patrimonio común a 270 millóns de persoas?