Dignos de ser humanos

José Antonio Caride TRIBUNA

OPINIÓN

Pilar Canicoba

10 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

En apenas dúas mil palabras, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, aprobada en decembro de 1948 polas Nacións Unidas, mantén inalterada a redacción dos seus trinta artigos. Como un ideal común polo que os pobos deben esforzarse para salvagardar os seus principios e valores, invoca a liberdade, a xustiza e a paz no mundo, recoñece a dignidade intrínseca de todos os membros da familia humana, sen distincións de raza, cor, sexo, idioma, relixión, opinión, orixe, posición, nacemento ou de calquera outra índole.

Nos dicionarios, a dignidade adoita presentarse como unha cualidade inherente a determinados modos de ser e comportarse, ou de conferirlle un status aos individuos polo lugar que ocupan na sociedade. Non obstante, chama a atención que, a pesar da longa traxectoria deste vocábulo na filosofía, na ciencia política ou na linguaxe coloquial, prevaleza a indefinición ou a ambigüidade coa que se usa e abusa del nas convencións e acordos internacionais, obviando as connotacións éticas e morais ás que nos compromete na vida cotiá. Sendo incuestionables as razóns que a amparan como fonte de todos os dereitos, a concreción da dignidade nosos quefaceres políticos, xurídicos ou cívicos está tinguida de claroscuros. Acaso, porque como lembra Josemi Valle (2016) no seu libro La capital del mundo es nosotros, un viaje multidisciplinar al lugar más poblado del planeta, a dignidade non pende das ramas dos árbores nin dorme nas profundidades do mar, non brota da terra nin cae do ceo, non se atopa en ningunha parte da natureza... sendo unha ficción creada pola perspicacia da intelixencia, á que tratamos como se fose un manto co que engalanamos a condición humana.

Sucede na educación, cando nos deseños curriculares das materias e nas prácticas pedagóxicas, nos proxectos educativos de centro, nos plans de convivencia ou nos regulamentos de réxime interior é unha expresión cun percorrido semántico menor. Con frecuencia vai ligada a actitudes e comportamentos persoais, cunha mención explícita á integridade e ao respecto entre iguais. Case nunca a iniciativas formativas que a contemplen como un principio ético-moral consubstancial á vida en sociedade. Lamentablemente, aínda sendo un ben intanxible e inmaterial que require ir das palabras aos feitos, para vivir —e morrer— con dignidade, educando e educándonos nela, presenta importantes eivas nas ensinanzas e aprendizaxes procuradas nas aulas, nas familias, na veciñanza, nos medios de comunicación social e nas redes tecidas cada día, sen fíos, na paradoxal realidade virtual.

Se a dignidade, como unha creación humana impulsada cunha estimable sensibilidade cívica, implica formar ás persoas para que pensen por si mesmas, contribuíndo ao libre desenvolvemento da nosa personalidade, debe ser convenientemente acollida e coidada. Nela habita a posibilidade de mirar o mundo con mais compaixón e benevolencia, para transformalo en congruencia co que Rutger Bregman, na súa obra Dignos de ser humanos, asocia a unha idea principal: a cooperación e o altruísmo, non a competitividade, son os motores evolutivos da humanidade. Ás veces, con acontecementos correntes, noutras estelares, diría Zweig. Cada 10 de decembro, desde 1948, temos a ocasión de celebrar un deles.