O Gran Wyoming non deixa indiferente a ninguén. Despois de dezanove anos en antena, o programa de sátira política El Intermedio, que presenta e dirixe, acada os máis altos índices de audiencia e probablemente tamén de admiradores e detractores. O éxito de Wyoming está en que cumpre o octavo mandamento da lei de Deus e o primeiro do xornalismo: non levantar falso testemuño nin mentir. Iso, e rodearse de excelentes colaboradores, é, na miña opinión, a clave do seu éxito.
Silvia Intxaurrondo presenta en TVE o espazo La hora de la 1, e acadou a popularidade cando na campaña electoral de 2023 entrevistou a Núñez Feijoo e non lle permitiu largar a trola que viña repetindo en todos os medios: os gobernos do PP sempre incrementaron as pensións de xubilación o que subira a inflación. «No es correcto, señor Feijoo», dixo a xornalista, e volveuno negar ante a insistencia do político. Feijoo tardou 48 horas en rectificar, pero fíxoo: «La periodista tenía razón».
Recentemente, o Sindicato de Periodistas de Madrid celebrou o 25.º aniversario cun coloquio no que participaron Silvia Intxaurrondo e Wyoming, que trataron dos bulos e as mentiras nos medios de comunicación. O vídeo está en internet e non debería deixar de velo ninguén que ame o xornalismo. Se eu tivese que sinalar o bulo máis inmoral de cantos gardo memoria, escollería dous: o que responsabilizaba a ETA dos atentados do 11-M, que Aznar e Pedro J. Ramírez aínda defenden; e o máis grave por ser unha argallada de xornalistas na campaña electoral de 2016: o que afirmaba que Pablo Iglesias, líder de Podemos, cobraba do Goberno de Maduro. Tratábase de evitar que Podemos gobernase e aquela canallada foi concibida como un xogo de patriotas no que participaron a policía patriótica, autorizada polo ministro Jorge Fernández a investigar a vida privada dos dirixentes de Podemos, e o xornalismo patriótico de García Ferreras e Eduardo Inda, que lanzaron o bulo. Inda mostrou no xornal dixital Okdiario o documento probatorio de que o Goberno de Maduro pagara 272.000 dólares a Pablo Iglesias no paraíso fiscal de Granadinas, en 2014, e Ferreras deulle ampla cobertura en Al rojo vivo. A Pablo Iglesias non lle permitiu defenderse. O malo é que polo medio andaba Villarejo, que gravaba todo, e en internet están os audios que permiten coñecer paso a paso a xestación da calumnia. Entre os bulos máis recentes, os da dana valenciana, por crueis e torpes, son tamén antolóxicos.
Nunca entendín que ten de sagrado o deber de informar, pero, se é así, haberá que enuncialo cun matiz: o sagrado deber de informar ben.