Oportunidades para o xornalismo de calidade

Xosé López TRIBUNA

OPINIÓN

María Pedreda

13 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos tempos complexos, convulsos e polarizados, a desinformación tende a multiplicarse. Xa acontecía así no pasado, como maxistralmente analizou Marc Bloch no período de entreguerras —entre as dúas guerras mundiais—, e sucede no presente, na sociedade rede. O modelo dominante actual sobre o que se asentan os eixos do ecosistema comunicativo, no que cidadáns, actores sociais, organizacións, empresas, máquinas impulsadas por intelixencia artificial... producen mensaxes con moi diferentes finalidades, constitúe un escenario propicio para cultivar desinformación, nas súas diferentes variantes. Moitas canles e voces multiplican os efectos desas mensaxes, co que abunda o ruído, a mala información e as xa coñecidas popularmente como fake news.

Este panorama encerellado, reflexo dunha constelación de trazos diversos, arrevesados e alambicados, non se muda acendendo un botón, creando unha ferramenta tecnolóxica para a verificación ou descualificando ao adversario. Entraña máis complexidade. A estratexia pasa por eliminar, reducir e informar. Resulta necesario que os gobernos poñan en marcha paquetes de medidas estruturais —sobre todo, mediante iniciativas lexislativas—, tecnolóxicas —ferramentas que faciliten o acceso ás fontes cualificadas e favorezan a verificación— e educativas —alfabetización dixital, mediática e comunicativa—. Quizá por iso, o mesmo que se nos fan moitas advertencias dos perigos sobre os diferentes sistemas de timos económicos no contexto dixital, convén multiplicar as iniciativas para alimentar unha comunicación saudable e plural, como ten que existir nunha sociedade democrática que ten no centro de actuación as persoas, as súas demandas e as súas necesidades.

Non partimos de cero. Nas nosas sociedades contamos cun conxunto de medios de comunicación, ben sexan herdados —legacy media»— ou nativos dixitais, que ofertan produtos informativos a través dunhas canles das que podernos fiar, aínda tendo en conta os moitos erros que cometeron nesta travesía dixital que suma xa trinta anos e da escasa capacidade para rectificar. A situación actual demanda buscar marcas xornalísticas e xornalistas dos que fiarnos. Necesitamos saber en quen confiar, a quen pedirlle responsabilidades en caso de que nos defrauden. Os medios de comunicación xornalística dispoñen, sen dúbida, dunha oportunidade para recuperar a confianza dos usuarios, moitas veces perdida por erros propios e outras veces por un modelo de comunicación dixital que só engorda aos máis fortes, e para mostrar a fortaleza da súa oferta informativa fronte a outros actores que só difunden mensaxes comerciais, propaganda ou información interesada, sen contrastar e sen a distancia precisa dos intereses de quen emite. Sabemos ben que son moitos os inimigos do xornalismo, quizá porque sempre resulta un pouco incómodo que se informe con veracidade e con rigor.

Aqueles medios que queiran aproveitar a oportunidade deben introducir cambios. Precisan dar un paso adiante no ámbito da transparencia, da rendición de contas, de mostrar como se fan as pezas sobre cuestións arredor das que hai moita sensibilidade na sociedade, na comunicación coa súa comunidade de usuarios e na capacidade de rectificar voluntariamente diante de calquera imprecisión ou dato erróneo. Son só algunhas medidas que responden a formulacións acordes coas características da sociedade enredada do terceiro milenio. Un xornalismo construtivo e comprometido ten que responder de forma transparente e dialogante diante calquera crítica de percepción por parte dos seus usuarios en relación con nesgos ideolóxicos ou económicos.

Sabemos que non hai fórmulas máxicas para acabar coa desinformación, pero si para reducila e para que os cidadáns teñan ventás de verificación e cabeceiras das que fiarse, cada quen no marco das súas crenzas e valores. E non teño  dúbidas de que, neste escenario complexo marcado pola desinformación, hai oportunidades para o xornalismo de calidade e para alimentar con mensaxes xornalísticas cidadáns mellor informados.