A finais de outubro de 1938, Orson Welles emitía pola estación estadounidense CBS un programa radiofónico titulado A guerra dos mundos, unha adaptación da novela de H.G. Welles na que, cos rudimentarios efectos de son que había daquela, se narraba «en directo» unha invasión alieníxena. A cousa saíu tan ben… que a xente pensou que era de verdade e que se estaba informando en tempo real desa invasión extraterrestre. Como alí sacan o Winchester a nada que te despistes, a xente saíu á rúa con rifles a disparar ao ceo, aos paxaros, aos avións e, por suposto, a outra xente. Houbo suicidios. Montouse un escándalo terrible.
Contra a metade da emisión, a cadea de radio parouna para explicar que todo era unha pantomima, que só era un espectáculo radiofónico. Cal foi a reacción de milleiros de estadounidenses, tan afeitos a caer nas redes conspiranoicas? Dicir que era unha manobra do Goberno para manipulalos e que si, que os aliens xa estaban aí. E veña máis tiros. Outras emisoras de radio, desconcertadas, mandaron aos seus reporteriros a observar o ceo para ver se vían ovnis e así poder informar…
Pasaron 86 anos e a situación non mudou moito… a boa parte da poboación, sobre todo a esa que ve a realidade a través dos ollos das redes sociais, cústalle saber que é certo e que é inventado. E como non saben nin teñen ferramentas para sabelo, cren calquera milonga. Iso sábeno os partidos políticos, que teñen maquinaria do fango, por usar unha expresión célebre, para fabricar cada día un bulo, chimpalo pola fibra óptica, e que a loucura das masas faga o seguinte. Alguén podería pensar que estou forzando a comparación co de Welles…pois o outro día en Londres, polo bulo sobre a morte dun rapaz, dicindo que fora un inmigrante cando non era certo, a cousa acabou en linchamentos, incendios e, por suposto, mortos.
Se Welles hoxe quixera repetir o éxito acadado en 1938, teríao moitísimo máis doado. Usando ese vertedoiro infestado de hienas famentas de sangue que é X (antes Twitter), podería lanzar tres ou catro chíos e xa estaría todo montado. Coa axuda da intelixencia artificial podería crear imaxes «verdadeiras» que serían cridas por milllóns de persoas sen o dubidar.
Orwell no seu 1984 falaba do Ministerio da Verdade. Non direi eu que precisemos un deses. Pero si é urxente regular as redes para que a mentira, o bulo e, polo tanto, a violencia descarnada, deixe de excitarse. A xente coma Musk ou Trump (e algunha por aquí) válelles esa realidade. Á meirande parte dos humanos, non.