Din os últimos traballos demoscópicos, nada que escapase antes á pura observación, que o galego xa non é a lingua maioritaria entre nós. Así e todo, parece que se vai manter como lingua de enfrontamento político, que é unha forma de parecer que segue vital mentres continua a esmorecer. Todo o mundo se apresurou a eximirse de culpas e saíu á palestra para responsabilizar os demais, como se o problema fose fácil de resolver, como se para iso bastase unha medida non tomada, un plan de normalización, un decreto; como se o noso fose o único pobo do mundo en que as linguas minoritarias sucumben ás estatais.
O problema é demasiado complexo como para o poder solucionar unha única persoa, activista ou conselleiro, partido político ou asociación. Así que sería máis sensato facer chamamentos á participación e colaboración de todos, falantes de galego ou non, dunha ideoloxía ou doutra, abrindo a porta á implementación de novas estratexias para a valorización do noso patrimonio lingüístico. Unha delas é a que pretende preparar o galego escrito para o converter nunha potente ferramenta de comunicación coa lusofonía. Ou sexa, a coordinación co portugués. Este empeño non tería por que implicar o abandono doutras estratexias, que seguramente teñan moito que dicir aínda, mais si debería desencadear unha maior abertura a novas formas de entender o galego.
Sería o momento de relaxar a nosa tradicional obcecación coas porcentaxes e, alén de contar falantes sen máis distinción, crear as condicións para ganar usuarios capaces de usar un galego de calidade nos diferentes contextos da vida moderna, sexa cal fora a lingua de instalación principal dos mesmos. É unha idea máis acorde coa sociedade que aí vén, en que os nosos fillos e fillas van ter un pé aquí e outro no resto do mundo. Os índices de falantes, se melloraren, será a seguir, mais aí xa entrarán en xogo moitas mais variábeis, algunhas probabelmente descoñecidas aínda.