Estómago unitario, apetito federal

Pedro Puy
Pedro Puy DIARIO DUN CASE ESCÉPTICO

OPINIÓN

FERNANDO VILLAR | EFE

06 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando o director de El Mundo lle ofreceu a Camba ir a un xantar no Centro Gallego de Madrid dada a súa orixe, o arousán aceptou con moito gusto, máis non «por esa razón de rexionalismo», senón por outra de carácter máis gastronómico: «Estou a disposición do periódico para representalo en todos os banquetes, calquera que sexa o prato rexional que nel serven. Teño un estómago unitario, e un apetito federal…».

Hai uns días, a vicepresidenta Montero compareceu no Congreso para, aparentemente, explicar o contido do acordo sobre o financiamento «singular» de Cataluña subscrito entre ERC e os socialistas. Foi unha comparecencia de máis de catro horas, que deixou dous momentos que ilustran a situación política española. A primeira cando os portavoces de Junts e de Esquerra se enfrontaron entre si a conto do pacto: «Miserable» e «chulo de barra de bar» foron algunhas das frases que se propinaron, en catalán, as súas moi respectables señorías. A segunda foi cando, por incapacidade ou falla de vontade para concretar os custos do pacto para a Facenda común e as territoriais, a vicepresidenta dixo que estabamos diante de algo novo e diferente a todo, que por ser novo non tiña nome, e que polo tanto cada quen podería chamalo como quixera: «Concerto solidario», «cupo secesionista» ou mesmo «simple reforma do sistema de financiamento».

A innominada, ou multinominada, fórmula para delimitar o financiamento de Cataluña si ten, dixo a ministra Montero, tres certezas. A primeira que o acordo é moi bo para todas as comunidades e para o conxunto de España, que vai avanzar na vía federalizante. A segunda, que é «singular», o que tanto en galego como en castelán significa que non hai outro igual, que non ten comparación ou é extraordinario. E a terceira é que vai cambiar a situación de «déficit fiscal» que ten Cataluña, esa comunidade autónoma que, de acordo con todos os estudos académicos e informes ministeriais, está xa financiada por riba da media das demais. Non semella complicado deducir cal é o fondo do asunto: os contribuíntes cataláns de maior renda van contribuír en menor medida que os contribuíntes de igual renda das demais comunidades a financiar as políticas estatais dirixidas á redistribución persoal da riqueza (pensións, dependencia...) e ao financiamento igualitario dos servizos públicos territorializados (sanidade, educación...). Os números botados polos profesores Lago e Fernández Leiceaga para o Foro Económico de Galicia presentados esta semana falan por si mesmos.

O xantar do Centro Gallego de Madrid que o director de El Mundo mandou cubrir a Camba, como el mesmo conta nese xornal o 5 de maio de 1908, resultou ser unha homenaxe ao «ilustre filántropo» galego Casimiro Gómez, quen, tras facer fortuna na emigración, retornara a Galicia e investira no negocio do balneario e a auga mineral ás beiras do Lérez en Monteporreiro. Camba preguntou se a comida lla daba o filántropo a eles, ou eles ao filántropo. Tratábase do segundo. Pero o que más lle indignou a Camba foi que, para dar o seu discurso, «mentres os demais bebíamos sidra», «don Casimiro bebeu champán». Champán para o estómago único, e sidra para saciar o apetito federal. E todos debemos quedar agradecidos aos filántropos que promoven esa cousa nova, chámelle vostede como lle queira chamar.