Recordarán tu nombre é a novela de Lorenzo Silva sobre o ferrolán xeneral Aranguren, que ao mando da Garda Civil logrou parar o golpe de Estado de xullo de 1936 en Barcelona. A súa némese podería ser o protagonista de Home sen nome, de Suso de Toro, sobre un compostelán perpetrador de masacres civís tras o éxito do golpe en Galicia. O dramaturgo francés de orixe libanés Wajdi Mouawad, que estrea estes días en Madrid, di que aquela guerra española foi unha profecía sobre o que nos agardaba a escala mundial no século XXI. Ás veces só a arte pode facernos ver con claridade o que temos diante.
Israel está perpetrando unha matanza en Gaza e parece que pode estendela ao Líbano. A información é fundamental para coñecelo, a historia para explicalo, as relacións internacionais para frealo, pero non hai forma humana de entendelo nin asumilo. Os detalles que se contan a diario sobre os feitos, as análises sobre os pasados que os traen aquí, son menos importantes que o significado histórico dos acontecementos que vivimos. Vaise cumprir un ano da espiral iniciada coa masacre e os secuestros perpetrados por Hamás, desde aquela o Goberno de Netanyahu non parou de alimentar a máquina das masacres en Gaza, sen gañar a guerra, sen lograr sequera liberar aos reféns e negándose a pactar saídas pacíficas. Pola contra está a estender a matanza, primeiro a Cisxordania palestina e agora ao Líbano, con incursións no Irán e Iemen para asasinar dirixentes rivais.
As razóns da estratexia de Netanyahu son recoñecibles. Necesita alimentar e estender a escalada militar por razóns básicas de supervivencia. Porque está politicamente cercado —tamén xudicialmente— dentro e fóra de Israel e só a emerxencia bélica parece garantir a súa continuidade no poder. Porque non logra gañar militarmente: un ano despois de comezar a arrasar Gaza e logo de matar case cincuenta mil persoas aínda non logrou a vitoria e un cento de reféns seguen sen localizar. Israel está a perder a baza militar, como os norteamericanos en Vietnam ou os soviéticos en Afganistán; só a ampliación da guerra, mesmo ata afectar ao interior do Estado de Israel —como parece estar provocando— pode darlle xustificación política. Na trastenda, as eleccións norteamericanas de novembro. Despois de celebrárense todo podería mudar, pero ata entón Netanyahu sábese intocable. Biden non pode facer nada que poida ser usado por Trump para prexudicar a candidatura de Harris. Os falcóns armados de Israel están apurando impunemente os prazos mentres todos contemos a respiración, miramos para outro lado ou confiamos que a escalada non aumente máis.
Deica pouco todo será diferente e lamentaremos a inhumanidade desta situación. Se os valores humanos non esborroan definitivamente, cando todo isto remate nos preguntaremos que fixemos, empezando polos dirixentes democráticos e rematando por cada un de nós. Farémonos a mesma pregunta que se levan facendo todas as democracias respecto da Shoá, unha pregunta que aínda hoxe nos ten paralizados, mesmo sabendo que aquela memoria das vítimas do pasado é usada para a prol da súa impunidade polos verdugos de hoxe.