Que disgusto ten o xuíz Peinado coa filtración do vídeo das declaracións de Pedro Sánchez no caso contra Begoña Gómez! Mira que se esforzou este home para evitar que as imaxes do presidente negándose a declarar visen a la luz pública! Deu orde aos técnicos de gravación de que todas as copias estivesen «debidamente identificadas» e fixo prometer ás acusacións —Manos Limpias, Vox, Hazte Oír, Iustitia Europa e Aitor Guisasola—, unha a unha e cara a cara, que non as filtrarían aos medios nin farían mal uso delas. E todas prometérono e xurárono, pero non cumpriron; e por iso o xuíz Peinado está tan, tan, tan afectado que algúns achegados temen que caia na depresión. Coitado!
O roxerío pensa que a xente de dereitas non ten corazón e non sofre nin padece, pero non é así. O día que Pedro Sánchez dixo publicamente que segue namorado da muller o mesmiño que cando casaron, moita xente de dereitas, e non só mulleres, emocionouse ata as bágoas. O xuíz Peinado foi un dos conmovidos. O roxerío, sempre malpensado e lingoreteiro, acusa o xuíz Peinado de abrir contra Begoña Gómez non unha causa xudicial que non chegaría a ningures, senón unha causa político?mediática sen máis fin que erosionar a imaxe do presidente. Non hai tal. O xuíz Peinado é teimudo, turrón, mexericas, cóntalle as fabas… Si, é dos que lle contan os pelos a un can, pero faino por celo profesional; porque é un probo servidor da lei e sabe que sen lei non hai liberdade nin xustiza.
Contaba Julio Camba que de mozo estivo namorado da Xustiza. Era unha rapaza preciosa que posaba para un escultor coa báscula na man e sen máis prenda que un pano nos ollos. Camba babexaba por ela, pero non puido cortexala porque ao rematar cada sesión o pai agardábaa na porta do estudio. Volveuna ver anos despois, e non era a mesma. Engordara e xa non posaba de Xustiza, senón de Agricultura. Pois o xuíz Peinado é como aquel pai da Xustiza que coidaba da súa pureza.
Recoñezo que non me quedou claro se o xuíz Peinado interrogou o presidente do Goberno ou o home de Begoña Gómez, pero tanto me ten porque eu creo na Xustiza como outros cren na Transcendencia. E Pedro Sánchez tamén. Por iso foi tan respectuoso ao responder as preguntas do xuíz Peinado, que por coñecidas as respostas semellaban unha mofa, e o encontro discorreu con cortesía palaciana. O que non se sabe é que cando o xuíz Peinado rematou a xestión e dixo «pues muchísimas gracias. Se da por concluida la diligencia», a piques estivo de pedirlle un autógrafo ao presidente porque, no fondo, alá no fondo, admira a súa coraxe. Catro días leva aplaudindo o discursazo de Pedro Sánchez o pasado mércores na ONU.