As traxedias alleas

OPINIÓN

23 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Sabendo que o dó é algo físico e a morte o reduce todo a un trauma que pode parecer unha porta pechada, valoro moito que a familia de Mateo, o neno asasinado, implorase non usar a morte do fillo para dar cabida a outras cuestións que nada teñen que ver coa traxedia, coma as trolas de que o asasino podía ser un inmigrante. Hai que ser mala persoa e moi fanático para espallar algo así, apegándose á dor allea. E, mesmo cando a realidade é outra e xa non interesa, ter a vileza de inventar máis mentiras desalmadas.

Síntoo por esta familia, desfeita, ansiando converter a súa dor en algo íntimo e privado, gardando nos recantos da memoria o rastro dun aceno suave, dun sorriso, dunha frase entrecortada ou dun bico de Mateo. Mais tamén o sinto pola familia do asasino, vítima doutra desgraza, á que nestes días o espectáculo mediático quererá culpar ou responsabilizar pola acción criminal dese fillo con problemas de saúde mental. Evidentemente son dores diferentes, pero nada axudará a estas familias para canear o pesado desalento que deixa unha traxedia tan dura. E o peor de todo é que só as deixaremos descansar en paz cando unha nova traxedia veña substituír a súa.

Dóeme ver como algunha prensa se alimenta da traxedia na procura do sensacionalismo, tratando de levar os feitos cara a lugares ideolóxicos ou, a partir de agora, psiquiátricos, que será a noticia da que todo o mundo opinará, e buscarase a autoridade en exemplos próximos, algo que me fai lembrar a anécdota dun periodista galego ao que lle cadrou en Nova York o dos atentados ás torres xemelgas. Seica no intre de se dirixir ao presidente dunha asociación galega na procura de información, este díxolle un pouco compunxido e servizal que o sentía moito porque entre os mortos non lle tiña ningún galego.