Acumulación hidroeléctrica e futuro

Luis Miguel Varela PRESIDENTE DO FORO FIEITO. FORO PARA A INDUSTRIALIZACIÓN SOSTIBLE E A TRANSICIÓN ECOLÓXICA DE GALICIA

OPINIÓN

María Pedreda

19 ago 2024 . Actualizado a las 14:24 h.

Xa tratamos nunha ocasión anterior a conexión entre enerxía verde e industria de futuro. Tamén nos referimos daquela ao papel central do almacenamento na definición do mix enerxético óptimo que permita racionalizar o sistema evitando perdas e achegando estabilidade á rede, á vez que abarata custos e fomenta a industria local asociada aos grandes nodos de produción.

As principais tecnoloxías de almacenamento a gran escala son: baterías, almacenamento hidráulico reversible e almacenamento de hidróxeno, aínda que este último require cavernas xeolóxicas. Os estudos máis recentes apuntan a que, máis aló do rol crecente das baterías no mix enerxético mundial, o sistema óptimo é a acumulación hidroeléctrica.

A acumulación hidroeléctrica permite fornecer potencias de 10 MW a 3 GW con eficiencias do 85 % e obsolescencias dos equipos no rango de tres décadas, fronte aos aproximadamente oito anos dos dispositivos actuais de baterías estacionarias. Ademais, os custos por kWh son na actualidade a terceira parte que os de dispositivos electroquímicos.

E a acumulación hidroeléctrica ten outra vantaxe máis: a independencia total de cadeas de subministración foráneas que poderían poñer en perigo mantementos e substitucións futuras, sometidas aos habituais vaivéns económicos e políticos.

O Plan Integrado de Enerxía e Clima español prevé 9,5 GW para 2030. Este sistema de almacenamento adáptase especialmente ben a unha rexión como Galicia, caracterizada por un relevo herciniano, sucesión de montes e vales, e con numerosos leitos de auga propios da súa abundante pluviometría e clima atlántico. Recentes estimacións indican que só a nosa comunidade podería albergar no parque actual uns 10 GW, equivalentes á potencia media de 2 millóns de fogares, con case nulo impacto ambiental. Mesmo novas balsas de almacenamento reversible con emprazamentos optimizados presentarían un mínimo impacto con grandes vantaxes enerxéticas.

O almacenamento hidráulico reversible a gran escala permitiría estabilizar e abaratar custos enerxéticos (ata nun 27 % segundo cálculos recentes) a polos industriais estratéxicos e comunidades locais que se poderían trasladar inmediatamente ás contas de resultados das nosas empresas e aos fogares mediante PPAs (contratos que garanten o abastecemento de enerxía limpa a prezos competitivos), autoconsumo ou outros mecanismos que permitan o aproveitamento na rexión dos recursos naturais de Galicia.

A caducidade de moitas das mellores concesións hidráulicas do Miño-Sil nos próximos anos permitiría incluír este tipo de mecanismos nas novas concesións, elaborando un plan estratéxico de país, na dirección do Plan Integrado de Enerxía e Clima e da Axenda Enerxética de Galicia, que vaia máis aló dos plans sectoriais, plans urbanísticos e plans hidrolóxicos das confederacións. Todo iso axudaría a fixar e atraer o tecido industrial do futuro e a que a cidadanía galega vise os beneficios dos seus recursos naturais.