Parece que foi onte. Hai só unhas semanas, o resultado do debate Biden-Trump foi valorado de xeito pesimista por boa parte do progresismo occidental. Nun contexto mundial onde os totalitarismos van gañando terreo, un mundo onde semella que a única alternativa é aceptar o que nos veña, semellaba o principio de aceptación dunha inminente derrota. Iso que nos dixera no O mundo de onte Stefan Zweig neses dramáticos anos trinta onde non se recoñecía o futuro. Narraba Zweig —nunha obra moi recomendada dende hai anos nas nosas aulas compostelás de Historia— que, ante a ola de individualización e falla de espírito colectivo que lles viña enriba nese momento, só existía unha reacción: deixar de pensar, asumir a derrota. A derradeira solución ante unhas correntes que te levan e ás que non lles poder facer fronte. Ata que o temporal amaine.
Pero cinco meses en política é moito tempo. A chegada urxente de Kamala Harris á candidatura á presidencia polo Partido Demócrata mudou de xeito radical a marea. Ou iso é o que percibimos nestes días. Vemos un Trump que recolleu totalmente esa imaxe dun Biden decrépito, un home de case oitenta anos fronte a unha muller á que lle leva tres décadas. En poucos días, a desesperanza trocouse en ilusión. Un proceso tan rápido só é posible nestes tempos. As correntes de opinión de hoxe en día todos sabemos que son volátiles, inmediatas... E as súas consecuencias tamén. Aquel tempo real da información que fixo popular a chegada da CNN xa non é historia, senón prehistoria. Xogar nos novos tempos. As alternativas xéranse dende o presente, non dende maneiras e xeitos xa pasados.
A política é saber manexar os tempos. Cando interesa, lentos. Cando convén, rápidos. A elección de Tim Walz, o gobernador de Minnesota, como vicepresidente de Kamala Harris —intúo a imaxe dun Bernie Sanders considerado poucos anos antes demasiado radical, e vello, para os obxectivos prácticos dos lobbies estadounidenses— semella ir na mesma liña: un docente progresista, un home de pensamento que coñece o funcionamento da Administración. O que mudaron foron as necesidades: a aposta de Trump é ben rotunda. Singular para o universo conservador americano. Mesmo o tradicional partido do elefante deixou de selo, escurecido pola sombra dun liderado unipersoal que arramplou con todo, Tea Party incluído. Todo ou nada. O seguimento dese Trump que denuncia durante catro anos —aínda que nunca nas institucións— aos demócratas como «socialistas», «pseudomarxistas» e promotores dun golpe de Estado encuberto pola «suposta» fraude electoral do 2020 leva os republicanos a un camiño no que non pode dar marcha atrás. A elección de Vance como candidato a vicepresidente así o amosa. Mais, para os demócratas, o debate Biden-Trump reconverteuno en poucos días nun punto cero, un reinicio, un reseteado sen amosar as súas cartas... Ata agora.
Recomendo vivamente ver A febre, espléndida serie francesa que, baseándose na xestión dun equipo de fútbol, nos coloca de cheo nunha interpretación brillante —cun guión moi traballado— do que está a acontecer na realidade política francesa —cun alter ego de Marine Le Pen moi claro—. Nesta serie aparece unha clave interpretativa ben suxestiva: a ventá de Overton. Esta teoría recibe o nome dun politólogo estadounidense que indica como as opinións públicas poden mudar no tempo. De xeito rápido. Non pola acción ou pensamento dos profesionais da política, senón por opinións e valores que semellan xurdir da mesma sociedade. Só quero citar as cinco etapas evolutivas que indican por onde pode pasar calquera tema se se actúa sobre el, por se a alguén lle soa: impensable, radical, aceptable, sensato e popular. A banalización do pensamento. Un camiño coñecido, non si? Combinemos isto coa recepción de información pola maioría da sociedade en exclusiva a través das redes sociais. É evidente que non é a única interpretación do que nos está a acontecer, pero aplicar métodos científicos á realidade permite descubrir novos mundos. Novas perspectivas. Novas alternativas.
Tim Walz, ademais de todo o dito nas liñas anteriores e da súa práctica política nas institucións, é o creador e difusor dunha idea que escoitaremos sen dúbida: os seguidores de Trump son weird (raros). Un novo concepto, sinxelo, directo, doado de admitir só con velos nas súas accións reivindicativas. Non creo que fose o único valor polo que foi designado, pero si creo que vai ser ben utilizado. De feito, será o inicio dun proceso do que se considera que pode cambiar aqueles resultados das enquisas de hai só unhas semanas, predeterminadas a un desastre electoral.
Ver, reflexionar e contraataque. Dende cero. Cara a cara. Cos mesmos métodos...