Ouro para Alcaraz

OPINIÓN

Edgar Su | REUTERS

06 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A esencia do deporte bascula entre o esforzo, a habelencia e a dedicación. Mais tamén non propio gozo do xogo. Con todo, a obsesión por gañar medallas, nomeadamente en competencias de alto nivel coma os Xogos Olímpicos que se están a desenvolver en Francia, poden alterar eses valores fundamentais e volverse contra o propio espírito deportivo, que se centra máis en aspectos coma o respecto, a integridade, a aceptación da derrota ou a celebración do triunfo sen arrogancia, algo que non sempre é así.

Descoñecemos o que hai detrás de cada deportista, os sacrificios persoais e físicos que teñen que facer para chegar a eses niveis, e a inxustiza de xogalo todo a un segundo, un golpe ou un salto. E tampouco resulta doado explorar a vertixe, o abismo deses intres de presión extrema, esa estraña suxestión de abandono que debe de caer sobre eles cando están sós diante da perspectiva da derrota ou dunha vitoria que, ás veces, pode ser peor porque multiplica aínda máis os sacrificios persoais e fan dos deportistas simples obxectos de desexo, manipulables non só para políticos ou mesmo casas reais, que se apegan ao seu éxito coma unha transferencia de popularidade, senón tamén para un público que os usa nas redes e os vincula coa mentira ou calquera cousa allea ao deporte.

Poida que o serbio Djokovic non caia ben pola súa actitude polémica que, máis dunha vez, amosou. Agora ben, a el temos que lle agradecer que fixese do tenis un deporte atractivo e forzase a Nadal e a Federer a ser mellores xogadores, igual que vén de facer con Alcaraz, logo de o derrotar con gran mérito nun partido espectacular, e recoñecer que viña de lle gañar ao mellor xogador da actualidade. Un xesto que debería de valer tanto coma unha medalla de ouro para Alcaraz.