Un ano máis en Ribarteme

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

27 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa na Idade Media se falaba dos «curas de misa y olla», tan ignorantes coma os seus fregueses, servos analfabetos os máis deles. O Concilio de Trento dispuxo que os cregos recibisen a necesaria formación, pero o certo é que curas de misa y olla hóuboos ata tempos recentes. Hoxe non; hoxe nos seminarios os futuros sacerdotes reciben formación humana, espiritual, intelectual, comunitaria e pastoral. Outra cousa é como se imparte, que o papa Francisco anda coa mosca detrás da orella e hai pouco dispuxo unha inspección para verificar que se está a facer como el e os bispos acordaron en 2021. En calquera caso, os cregos xa non son ignorantes e a súa sabedoría pode facelos humildísimos, como tantos que coñecín; ou soberbios e fachendosos coma o actual párroco de Ribarteme, empeñado en poñer fin á tradicional procesión dos cadaleitos «para no fomentar folclores y supersticiones».

Nada importa que os párrocos anteriores a permitisen e potenciasen; que noutros santuarios como Amil e A Pobra se celebren cada ano nin que os máis importantes etnógrafos a valoren como manifestación orixinalísima da relixiosidade popular. Nun precioso lenzo de Conde Corbal titulado Os milagres de Amil varios intelectuais e artistas ourensáns portan ou acompañan un cadaleito cun vivo dentro. Entre eles, Vicente Risco, Ferro Couselo e Xaquín Lourenzo, tres católicos afervoados e grandes coñecedores da cultura tradicional. Ao párroco de Ribarteme tanto lle ten. A soberbia cégalle o entendemento e saca peito para afirmar: «Habrá gente que estará en contra, pero yo soy el que decide aquí».

A culpa tena o bispo, que o autoriza, claro. E iso é o que non se entende, porque o bispo debería coñecer, sentir e apoiar as prácticas relixiosas coas que o pobo vive o sagrado, aínda que o faga dun xeito tan «expresionista» como nas procesións dos cadaleitos. Haberá maior contradición que querer erradicar unha manifestación de fe sinceramente sentida e ter na diocese, en Baiona, o santuario de Santa Liberata, que a Igrexa borrou do santoral porque nin sequera hai constancia da súa existencia? Pois o pasado día 20 celebrouse solemnemente a festividade desta non santa. Como poden ver folclore e superstición en quen ora «Virxe Santa Marta, estrela do norte, traémosche vivos os que viron a morte»? Hai un testemuño ilustrativo e conmovedor para quen sabe ver coa alma. Non teño datos de Ribarteme, pero si de Amil, e podo asegurar que nunca tantos cadaleitos houbo como en 1939, cando moitos soldados que combateran na Guerra Civil agradeceron á Virxe seguir vivos.

Eu, a verdade, boto de menos os curas de misa y olla.