Argos: mais unha vez... dó e melancolía

Jorge Sobral Fernández
Jorge Sobral NO FÍO

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

25 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Mais unha vez as bágoas salgadas chegan a ollos galegos, embaixadoras desa mar frívola e cascarilleira, que en cada esquina agocha as súas vinganzas, océanos de dor. De novo, barcos que, se nos di despois, están dotados dos mellores trebellos e dispositivos, de tecnoloxías punteiras. O certo é que, cada pouco, a nosa xente do mar ten que poñerlle peito ás peores novas, esas que ninguén quere recibir. Morte, desaparición, angustia. Mais unha vez toca cruzar ese portón da incredulidade, do shock, isto non me pode estar pasando a min. Mulleres, fillos, amigos querendo zarandear o tempo, darlle para atrás a manivela, corrixir o erro dos deuses e outros amos do noso destino. A navallada traidora esperta a ansia de negar: non está sucedendo. Haberá algún erro; o teléfono soará en calquera momento e arrombará a xeito a realidade, esmagará o pesadelo. Pronto, o teimudo «principio de realidade» vai impoñendo as súas mañas, vai pechando as ilusorias vías de escape. Pero darse por enterado non supón aceptar; aínda non. É difícil renunciar ao dereito á rabia, á ira; ese cólera que tantas veces bule por as nosas entrañas e que non sabemos ben que será peor: se abrirlle a espita de saída e que salpique a quen sabe quen, ou deixar que estanque e empodreza nos adentros. (Será certo que a mellor seguridade que se lle pode ofrecer aos nosos mariñeiros ante un naufraxio son unhas balsas pneumáticas, unha delas que seica nin inchaba? Seguro… hoxe en día, que abondan artiluxios insumerxibles de toda caste e condición? É un problema de cartos? Se así fora, ¿canto valen unhas cantas vidas esvaecidas de cando en vez?). Tras a ira, adoita comezar a negociación entre feitos e emocións, entre o pasado inmutable e ese chisquiño de futuro que, quen sabe, mesmo se poida deseñar á vontade. Alí andan en xogo, a aceptación, o compromiso co inevitable, o impulso vital para tirar para adiante, ou, como ben explicou Freud no seu Duelo y melancolía (1917), o refuxio nas tristezas da perda, a cronificación da dor e a improdutiva carreira cara o desamparo. A depresión agarda coas portas abertas, sempre lista para as súas negras apertas. Nos seus termos, o dó inacabado. Hai unha maneira probada para que os dós deixen algún rédito positivo no balanzo: a implicación da comunidade, o cariño de toda ela; pero non cheo de palabras baleiras, de fórmulas corteses e estereotipadas, non. Trátase de que sexa seguro e certo que todo o que toque algo neste concerto faga, teña que facer, o que deba: isto é, todo o que poida, para que no macabro enredo entre homes e ondas cabreadas sexamos nós os gañadores. Tempo vai sendo.