Unha radiografía sintética dos fogares en Galicia —tamén vale para o conxunto de España— desvela cales son as claves para o éxito da política económica.
No 2023, o 58 % dos fogares con ingresos en Galicia tiveron como principal fonte da súa renda un salario, porque son traballadores por conta allea. O 25 % viviron dunha pensión, tanto contributiva coma asistencial. Algo menos do 4 % dos fogares tiveron como ingreso principal as prestacións por desemprego ou outro tipo de prestación social. O 12 % dos fogares obtiveron os seus ingresos do traballo por conta propia, isto é, son autónomos ou empresarios. E menos do 1 % viven das rendas de capital, isto é, da cobranza de alugueiros, dividendos ou intereses.
Más sintetizado aínda: o 87 % dos fogares con ingresos en Galicia teñen como fonte principal destes un salario, unha pensión ou unha prestación social, fundamentalmente prestacións por desemprego.
A conclusión é evidente: os salarios e as pensións son determinantes para o benestar da inmensa maioría das persoas, pero tamén para o funcionamento da economía.
É un diagnóstico extraordinariamente simple, pero que moitas veces se obvia. Por exemplo, na crise financeira, cando se desvalorizaron os salarios, conxelouse o salario mínimo interprofesional, as pensións crecían o 0,25 % e recortáronse as prestacións sociais, especialmente as que protexían as persoas desempregadas.
O resultado foi unha década perdida para o benestar, para o crecemento e o emprego, provocando unha enorme dor social da que aínda estamos a pagar as consecuencias.
Na xestión da crise provocada pola covid-19 aprendemos a lección. Protexeuse o tecido produtivo e o emprego cos ERTE, o SMI aumentou o 54 %, as pensións mantiveron o seu poder adquisitivo (crecendo o 8,5 % no2023 por exemplo), ampliouse a protección por desemprego e, sobre todo, mellorouse a calidade do emprego coa reforma laboral.
Con esta política de protección das rendas, o nivel de emprego recuperouse en apenas 18 meses, e hoxe temos dous millóns de persoas máis afiliadas á Seguridade Social que antes da pandemia.
O Instituto Nacional de Estadística (INE) acaba de facer público que a renda dispoñible dos fogares creceu o 8 % no primeiro trimestre do 2024. Fíxoo porque nas familias hai máis xente traballando e con mellores salarios nuns casos e pola revalorización das pensións e as prestacións sociais noutros. Tamén porque aumentan os ingresos dos autónomos e as rendas da propiedade.
Este incremento tan significativo dos ingresos dos fogares mellora o benestar das persoas e impulsa o crecemento económico, porque o consumo privado é o principal factor do crecemento do PIB.
É un círculo virtuoso: o maior consumo das familias xera máis actividade económica, que, á súa vez, necesita máis emprego e proporciona maiores rendas salariais. Esta é unha das razóns que explican por que nos dous últimos anos España encabeza a clasificación de crecemento do PIB e do emprego entre as grandes economías da Unión Europea.
Mellorar a vida da xente é a mellor estratexia de política económica. É un axioma que a ciencia económica coñece desde hai un século, pero do que se esquece demasiadas veces.