Un bichiño moi simpático

Pedro Puy
pedro puy DIARIO DUN CASE ESCÉPTICO

OPINIÓN

Zipi | EFE

30 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Parece que foi Lenin, non coñecido polo seu moderantismo, quen cuñou o de que «os extremos se tocan». Desde logo, no seu panfleto de 1902 Que facer?, no que apunta á posterior creación do partido bolxevique, sinala como extremos que se tocan aos socialdemócratas «economicistas» que enfocan a loita obreira cara a mellora das condicións laborais, e aos partidarios do «terrorismo excitante», é dicir, de atentar violenta e improvisadamente para excitar as masas cara a revolución. Extremos que para Lenin se tocan porque ningún deles satisfará os instintos e arelas dos auténticos revolucionarios, só acadables «por medio dunha organización combativa centralizada».

Outro novecentista como Camba ou D'Ors, Pedro Muñoz-Seca, escribiu con Pedro Pérez a coñecida obra de teatro Los extremeños se tocan, unha opereta sen música que semella parodiar no título o dito leninista, e na que se contén un famoso canto aos efectos do amor: «El amor es un bichito muy simpático que te deja melancólico y hepático, y lo mismo vuelve loco a un espasmódico que a un flemático… Es algo crónico y magnético, que te deja hipogástrico y frenético, y lo mismo vuelve loco a un diplomático que a un aritmético».

No pleno do Congreso desta mesma semana, os extremos tocáronse. Ao longo do martes, as súas señorías foron coñecendo que, ante a atenta mirada da vicepresidenta da Comisión Europea, Vera Jourová (para que logo digan que os nomes non predestinan as persoas), Partido Popular e Partido Socialista asinaron o esperado acordo para a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial, o órgano de goberno do poder xudicial en España. Inmediatamente, as reaccións comezaron a sucederse na tribuna de San Jerónimo. O portavoz de Sumar, Íñigo Errejón, volveu lembrarlle ao PSOE os seus coñecementos da obra de Chantal Mouffe e do seu home, Ernesto Laclau, sobre que a democracia é a loita pola hexemonía, que a soberanía reside no Congreso e que nel hai unha maioría que pode exercer esa hexemonía fronte ás extremas dereitas. «O poder que non se usa, esvaécese», afirmou. O de ERC, Gabriel Rufián, preguntándose se un poder xudicial decente pode xurdir dun pacto cos da «máquina do lodo». E Santiago Abascal acusando o PP de traizón (que despois de certo tempo escoitando as señorías de Vox creo que pensan que é o máis feo que se lle pode dicir a alguén). En definitiva, extremos tocándose diante do primeiro gran acordo desta lexislatura entre as dúas forzas maioritarias nas Cortes.

Chama a atención que, falando de extremos que se tocan, os efectos do consenso poidan resultar tan parellos aos do amor cando quen se tocan son os estremeños. O acordo para a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial, que dá cumprimento á esencia consensualista da nosa norma constitucional no que ás institucións comúns se refire, deixou a boa parte do hemiciclo melancólico e hepático, tanto aos espasmódicos como aos flegmáticos. Porque os acordos propios das democracias consensualistas avanzadas son algo crónico e magnético, aínda que algún, sexa diplomático ou aritmético, quede hipogástrico e frenético. «¡Qué dolor! ¡Qué tormento es el amor!». Quero dicir, o consenso. Que fai que os extremos se toquen. O bicherío, xa se sabe…