En 1994, a Asociación de Xornalistas Europeos creou o Premio Salvador de Madariaga para salientar os traballos sobre o proceso de construción europea realizados por profesionais da comunicación en prensa escrita, radio e televisión. Ao se cumprir 30 anos da convocatoria o acto de entrega realizouse o día 18 na Coruña, onde Salvador de Madariaga naceu en 1886.
A personalidade complexa do ilustre europeísta provocou sempre opinións encontradas: home brillante, divertido e cordial para uns; soberbio e elitista para outros. Raúl Morodo di que atopaba o maior pracer en polemizar contra vento e marea e esa pode ser a razón de que Azaña o chamase «el pedante Madariaga» e que un Ortega enrabechado o cualificase de «tonto en cinco idiomas». De parvo non tiña nada, claro, e ademais de falar cinco idiomas era home cultísimo, con amplos coñecementos en distintos eidos do saber. Non exerceu a súa profesión de enxeñeiro de minas, pero a formación científica permitiulle tratar co físico Julio Palacios da teoría da relatividade; e a paixón pola música levouno a afirmar que se tivese outra vida sería compositor. Casado cunha excelente pianista, tamén el foi bo intérprete e a filla recorda que, de nena, en Xenebra, cantáballe Unha noite na eira do trigo e Negra sombra, acompañándose coa guitarra. Por certo, cando Franco entrou en Madrid, o piano da muller confiscouno un crego
As críticas máis duras recibiunas como político. Liberal atípico —«herético», recoñecíase el—, aborreceu á par o franquismo e o comunismo, e iso era inaceptable polo Réxime e pola oposición. A vileza da difamación é de todo tempo e hai quen escoitou dicir a Pablo de Zárate —outro español protagonista do século XX— que Madariaga confiaba en que Franco o nomearía «conselleiro áulico» e, decepcionado, volveuse contra el. O que ninguén cuestionou nunca é o seu europeísmo, e diso falaron os tres premiados en discursos que engrandecen o xornalismo. Pero tamén me interesou unha anécdota de Diego Carcedo, presidente da Asociación: Madariaga visitou na ditadura uns amigos de Zaragoza e TVE enviou a Carcedo a entrevistalo. O político recibiuno amablemente e respondeu as preguntas que o xornalista lle fixo sobre España e Europa. Nunca se emitiu. O mesmo pasoume a min cos trinta capítulos do programa Galicia século XX, unha tertulia que eu conducía e na que participaban historiadores, sociólogos, escritores e xornalistas. Era o ano 2004, presidía o Goberno Fraga e, como a TVG non o pasou, La Voz de Galicia encargou a Ramón Villares, un dos historiadores participantes, o tratamento literario do mesmo tema. Fíxoo en vinte e seis fascículos espléndidos e gañou o Premio Fernández Latorre.