Fútbol nas urnas

OPINIÓN

Mohammed Badra | EFE

19 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A integración e o multiculturalismo ten tanto arraigamento en Francia que semellaba imposible que calquera movemento regresivo lles puidese afectar. Mais si. O país veciño está diante dun abismo que nos pode afectar a todos porque a posibilidade de que a ultradereita chegue ao poder deixou de ser unha ilusión dun grupo de iluminados. Marine Le Pen e o seu partido xenófobo, Agrupación Nacional, están a piques de o conseguir, abrindo unha espita en Europa que pode arrastrar coa súa enxurrada moitos dos valores que a constituíron. Por iso, non chama tanto a atención que o futbolista Mbappé e outros compañeiros da selección francesa, na súa meirande parte de orixe africana ou con ascendencia estranxeira, abran a boca para expresar a súa preocupación e incerteza. A neutralidade política que este tipo de famosos sempre mantivo, desta vez desaparece porque a diversidade, por exemplo, corre un serio perigo. Enténdese ben a posición dos xogadores, contravindo a equidistancia institucional da federación francesa de fútbol, e tamén se agradece, porque son figuras públicas e o feito de se involucraren en procesos democráticos pode supor unha inspiración para que moita xente vote con sentido e non o faga contra a democracia e eses dereitos civís que, agora si, están en xogo. A súa influencia pode ser clave. E esa responsabilidade cívica que hoxe amosan diante da sociedade é moito máis ca unha preocupación persoal, porque eles sospeitan que, dalgún xeito, seguirían a ser intocables, pero son conscientes da obriga de dar un paso adiante para defenderen toda esa xente que provén de comunidades que si poderían verse afectadas polas políticas de ultradereita. Por iso, nunca a vitoria da selección francesa na Eurocopa sería tan politicamente necesaria.