Manolo Ferrol e a microhistoria dunha gran fotografía

Arturo Reguera ESCRITOR, PROFESOR E INVESTIGADOR

OPINIÓN

MANUEL FERROL

16 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Con motivo do falecemento de Juan Jesús Calo López, o fillo da famosa fotografía de Manuel Ferrol que resume xenialmente o drama da emigración, ademais de publicarse de novo a dita fotografía, saíron en diferentes medios comentarios, todos eloxiosos, pois non podería ser doutra forma, ao traballo de Manuel Ferrol. Pero nalgún destes medios deslízanse inexactitudes e esaxeracións que en nada contribúen ao recoñecemento da calidade dese traballo.

Como as circunstancias me colocaron, en certa etapa da miña vida, na privilexiada condición de ter unha conversa telefónica co propio Ferrol, na que falamos da foto en cuestión, véxome na responsabilidade de compartir a miña información, para clarificar estas cousas. A que inexactitudes e esaxeracións me refiro? Pois a afirmar que a foto estivo prohibida durante o franquismo, e que só na década dos oitenta foi recoñecida a autoría de Manuel Ferrol. Ao franquismo chégalle dabondo coas que fixo, carregarlle o carro coas que non fixo só serve para dar argumentos aos negacionistas.

Para esclarecer estes temas, imos comezar por lembrar a historia da fotografía. Como é sabido, foi tirada en 1957, no porto da Coruña e, que eu saiba, publicouse por primeira vez anonimamente en 1966 no libro Galicia Hoy, da editorial Ruedo Ibérico, que estaba asediada en París, pero neste caso, como os coordinadores da edición eran Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, obviamente protexidos por pseudónimos, o libro foi impreso en Bos Aires e circulou clandestinamente por Galicia. Eu mesmo fun un dos compradores, na librería de Eduardo Hernández da rúa do Vilar compostelá. E chegamos a 1974, ano en que eu son xefe de redacción da Gran Enciclopedia Gallega, na que é director editorial Perfecto Conde Muruais. Para ilustrar a voz América, que trataba realmente da emigración a América, pareceunos óptima a fotografía anónima do Galicia Hoy, e así se imprime por segunda vez, máis dun ano antes de morrer o ditador. O lector curioso pode confirmalo no tomo 2, páxina 47. No depósito legal do volume pode lerse o ano: 1974.

E agora xa é ocasión de falar da conversa telefónica mencionada ao principio. Ocorreu así: un día, pouco despois de saír á rúa o fascículo que contiña a foto, dime a secretaria:

—Arturo, chama un home que di que é fotógrafo e que quere falar coa persoa responsable, e Perfecto acaba de saír á rúa. Aténdelo ti?

—Atendo.

A conversa que escoito, que a miña boa memoria me permite reproducir no fundamental, foi deste teor:

—Bos días, son Manolo Ferrol e chamo pola foto miña que acaban de publicar sen citarme, xa me pasou con Díaz Pardo, que despois, cando lle falei do tema, dixo: ah Manolo, perdoa, non sabiamos que a foto fose túa. Se o soubésemos, citariamos o teu nome, por suposto.

Eu aínda que non o trataba, sabía quen era Manuel Ferrol, xa entón un fotógrafo recoñecido. O que non sabía era de que foto me estaba falando, preguntei e díxome:

—Si home, a foto do pai e o fillo, que me saíu moi ben porque conseguín captar o paralelismo das expresións.

Decateime axiña de que foto se trataba, e díxenlle:

—Se o que o preocupa é a autoría da foto, pode quedar descansado, que agora que sabemos que é súa, así quedará rexistrado no folleto que acompaña as tapas de cada tomo, que aínda non está impreso. E xa agora, déame os seus datos para pagarlle a foto.

Non quero cartos, quero que se recoñeza o meu traballo.

E quedando este punto ben esclarecido, cunha cordial despedida por ambas partes, deu cabo a conversa. Por tanto, a dita foto publicouse en España, debidamente acreditada ao seu autor, en 1974.

Como neto de emigrantes, quero rematar rendendo homenaxe ás persoas que, como Manuel Ferrol, contribuíron para que a dor e o sufrimento daquela xente quedaran patentemente rexistrados para a Historia.