A folla de ruta da ultradereita

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

ALLISON DINNER | EFE

12 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao día seguinte de ser condenado Trump como culpable de 34 cargos gravísimos, os seus seareiros doaran xa 50 millóns de dólares para «apoialo» na súa carreira electoral. Lanzáronse á rúa a berrar a súa inocencia e a proclamar con fe case de talibáns que o Estado é fascista por condenar a unha persoa sen mácula, un santo total. É dicir, malia quedar acreditado que sobornou e falsificou documentos, xente normal, persoas anónimas, meten a man no peto e danlle a un xa multimillonario un lote inmenso de cartos para que siga adiante e consiga o poder que perdeu hai catro anos. Saben que é un racista, que odia ás mulleres, aos inmigrantes e, probablemente, á propia democracia (lembren o asalto ao Capitolio por el instigado); e, por suposto, como bo ultradereitista, que odia a toda esa xente que lle dá os cartos para que poida ser presidente.

Habería que preguntarse que hai na cabeza de toda esa xente e dos millóns de votantes que apoian á ultradereita en España e en Europa en xeral. O caladoiro esencial de votos desta clase de partidos non son as elites económicas, que serán as grandes beneficiadas se gobernan ou condicionan gobernos, senón a xente humilde que, paradoxalmente, van ser os grandes prexudicados desas políticas. Porque os programas electorais de partidos como Vox están pensados para afundir á xente. Literalmente.

Nun rápido repaso atopamos que no seu programa están perlas coma estas: acabar con leis como as que protexen ás mulleres da violencia; derrogar a lei do aborto para obrigar a parir queiras ou non; eliminar a lei trans que permite normalizar o que debe ser normal para volver a patoloxizar como enfermidade esta cuestión; frear todas as normativas que queren acabar co cambio climático que nos pode levar por diante como especie; suprimir a lei de eutanasia e que un non poida optar por unha morte digna; por suposto, eliminación xa da lei de memoria democrática, porque para eles Franco foi unha especie de santo; e, finalmente, tirar abaixo unha lei do mercado laboral que protexe obxectivamente a eses milleiros e millóns de persoas que, sen esa protección, volverán a unha especie de precariedade, porque xa se sabe que para estes o mercado é máis importante que a xente.

Máis ou menos esta é a folla de ruta en toda Europa, como nos Estados Unidos: acabar con todos eses avances e retroceder en progreso, igualdade, ecoloxía e pacifismo. Valores bos e que son coherentes cos dereitos humanos máis básicos. Valores que garanten a liberdade.

Mais, polo que sexa, a xente prefire a escravitude, a desigualdade e volver ao pasado.

Hai que reflexionar sobre isto. Porque se nos vai a vida nesta clase de cousas.