O plan do BNG para Endesa e Alcoa: un museo industrial

OPINIÓN

María Pedreda

06 jun 2024 . Actualizado a las 15:07 h.

Se non fora porque esta é a alternativa que o BNG presentou hai uns días no Parlamento de Galicia, como alternativa de futuro para as instalacións da central térmica das Pontes e a súa enorme parcela, tomaríamos a broma esta proposta.

Pero non, o sorprendente é que esta infantil idea foi exposta na sede da soberanía popular; a proposta industrial consiste en musealizar as instalacións de caldeiras, torres de refrixeración, parque de carbón, chemineas, salas de control, grupos de xeración, etcétera, iso si, obviando o custo económico, de oportunidade e de seguridade que suporía dita proposta. Nunha vila que é un dos principais enclaves industriais de Galicia, onde existen proxectos en tramitación que requiren de chan industrial e de enerxía para producir hidróxeno verde, sen emisións de CO2 para toda Galicia, a proposta do BNG é inutilizar a meirande parte da parcela da central térmica para usos industriais, e reservala para uso museístico. A un, que coñece o que se sofre cando está en serio risco o futuro dunha industria que dá traballo a tantas familias, como foi o noso caso e como é o caso de Alcoa, o que se lle pide a toda formación política ou sindical é que estean a altura das circunstancias e que se dediquen con solvencia e sentido de país a facilitar proxectos que palíen a perda de emprego industrial. O que nunca se espera é que a postura sexa unha ocorrencia, quizás porque as consecuencias da mesma non as sofren quen as propón, senón os traballadores da compañía principal, das auxiliares, os transportistas e os aspirantes a unha oportunidade laboral nos proxectos futuros que se instalarán na parcela resultante unha vez descontaminada esta.

Estou seguro de que o futuro de Alcoa está na permanencia no negocio do aluminio e non en converter as instalacións nun museo, e para iso todas as forzas políticas deben unir esforzos, comezando por apoiar a solución enerxética para o complexo industrial, de forma clara, e non como está a facer o BNG, clamando polo futuro de Alcoa diante do comité pola mañá e manifestándose pola tarde contra os parques eólicos que deben resolver a gran cuestión vital na salvación de dita industria, a enerxía a prezo razoable e sen emisións; ou alentando ao xuíz a que suspenda as autorizacións que permitiría a posta en funcionamento da solución.

O mesmo que, sorprendentemente, está a facer nas Pontes, onde necesitamos enerxía eólica para producir hidróxeno verde e está a intentar paralizar o parque eólico proxectado, que conta con todos os informes favorables tanto do Estado como da Xunta e con Declaración de Impacto Ambiental favorable, caendo en certo desprezo ao traballo dos centos de traballadores públicos que fan un traballo rigoroso cando analizan o expediente e o avalan coas súas firmas.

Galicia necesita de apostas industriais fortes, non quedar atrás, precisa de dar uso á súa enerxía preferentemente en proxectos industriais que permitan considerar Galicia como territorio enerxético, para non deixar pasar oportunidades de emprego de calidade para os máis novos, e non ter que ver con envexa anuncios como o de Amazon cun investimento de 17.000 millóns en Aragón, porque en Galicia pechamos a porta a usos enerxéticos.

Se non aceptamos a enerxía eólica, xa nos explicará o BNG que enerxía quere para Galicia, pois supoño que non aposta pola nuclear nin a hidráulica. Pero non nos preocupemos, algunha ocorrencia proporá, ao mellor, ata inventa a enerxía galega que non fai falta ser xerada nin distribuída, chega con imaxinala.