Enxergada dende a distancia, non é máis ca unha península do gran continente asiático, ou euroasiático, se preferimos denominalo así. Nin en extensión nin en demografía supera o conxunto no que se ve integrada. Tampouco en riquezas naturais (minerais, enerxéticas, agrícolas, forestais). Onde reside, pois, a súa forza, que acabou deseñando o mundo? Na cultura. Cultura, coñecemento, tecnoloxía… E mais nun xeito de concibir a significación da historia e dos seres humanos fundamentada en poucas ideas básicas pero esenciais: liberdade, dignidade da persoa, igualdade… Conceptos como democracia, dereitos humanos, xustiza social, protección e respecto ás minorías, etcétera, son consecuencia dos principios anteriores que teñen orixes moi definidas, desenvolvidas ao longo do tempo, non sen conflitos e desencontros, pero que están aí, conformando o que agora somos: a cultura grecolatina, na que enraízan os primeiros valores da razón (a filosofía), a cultura cristiá (que se constrúe sobre a igualdade) e a modernidade das Luces no século XVIII, motores do progreso científico tal como hoxe o entendemos.
Durante máis de tres mil anos, este espazo cultural que chamamos Europa, e que hoxe inclúe o que os historiadores denominaron no seu momento as «novas europas» (o continente americano, Australia, Nova Zelandia…), configurou unha maneira de vivir e de entender a vida que inspira modelos políticos, formas de organización, relacións persoais, estratexias de crecemento, principios de solidariedade e xustiza social… Non sen contradicións, repito, e mais con traxedias moi graves que aínda hoxe nos arrepían e que en certa maneira podemos cualificar de «guerras civís». Europa viviu e padeceu conflitos internos case dende as súas orixes: guerras feroces na Idade Media, na Idade Moderna, ata hai catro días coma quen di. Mais nesa ferocidade fratricida tamén foi construíndo o seu modelo, queremos crer que mesmo deprendendo dos seus erros e equivocacións.
Queremos crelo así: que das equivocacións tamén se aprende, por máis que nos últimos tempos non sempre acertemos na aprendizaxe. As contradicións forman parte da condición humana e, en gran medida, a cultura está para corrixilas (para domesticar o instinto, esa parte de animal depredador que levamos dentro, diría Freud). Por iso digo que, en substancia, Europa é un espazo cultural, de ideas e valores, de correccións e utopías, que son a base da civilización. Tamén de frustracións e fracasos. Que sería de nós sen os fracasos? Mais a historia é unha construción dos seres humanos. Os seres humanos padecen a historia, pero tamén a corrixen e a melloran. Coa razón e coa palabra, valores fundamentais da filosofía, tal como nola transmitiron os clásicos. E por iso imos votar o próximo 9 de xuño: para continuar construíndo na parte que nos toca.