Sobre a liberdade de expresión

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

El presidente del Gobierno, Pedro Sánchez, en una imagen de archivo atendiendo a la prensa
El presidente del Gobierno, Pedro Sánchez, en una imagen de archivo atendiendo a la prensa VICTOR LERENA | EFE

05 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Levamos anos nas facultades de comunicación estudando os códigos deontolóxicos do xornalismo, os principios éticos da actividade dos xornalistas. Cun postulado básico: a información é un dereito democrático da cidadanía. A información non pertence aos xornalistas, nin ás empresas, nin aos poderes políticos, culturais ou económicos, por máis que intenten manipulala. A información, repito, é un dereito dos cidadáns, alicerce da cultura democrática, e como tal debe ser valorada, protexida e estimada pola sociedade no seu conxunto. Todos somos responsables, os de arriba e os de abaixo, aínda que non todos teñamos as mesmas capacidades de actuación.

Os últimos acontecementos volven traer ao primeiro plano este principio que parece elemental e que, non obstante, cada día resulta máis problemático. A principios do século XX naceron nos Estados Unidos os primeiros códigos deontolóxicos do xornalismo, promovidos polas propias empresas xornalísticas, que vían perder día a día a confianza dos lectores. Non é cousa de repasar agora as guerras entre Joseph Pulitzer e Randolph Hearst para controlar a prensa norteamericana, incluída a manipulación do afundimento do acoirazado Maine para mover a opinión pública a entrar na guerra contra España.

Hai unha lei histórica que di que quen primeiro sae derrotada nun enfrontamento bélico é a verdade. A guerra na antiga Iugoslavia foi un escándalo de mentiras (ou medio verdades) que aguilloaron os odios ata extremos que parecían inconcibibles. Temos unha longa lista de catástrofes dende entón, que tampouco é cousa de recordar agora. E outrosí na política. Sobre todo as medio verdades, que é o tóxico máis eficaz. Como defender a saúde democrática contra tamaña pestilencia?

O pasado venres foi o Día Internacional da Liberdade de Expresión, dereito básico do xornalismo e a democracia. Nos códigos europeos de deontoloxía abórdase un tema delicado contra a mentira e a manipulación: debemos considerar a necesidade dunha lei de prensa que regule o oficio de informar? Eu penso que non. De ningunha maneira. Ao final acabamos falando de censura, por ben intencionada que sexa, e a censura favorece sempre (e unicamente) os censores. A liberdade de expresión deféndese no Código Penal (con xuíces competentes e honestos) e con máis liberdade para contrastar, denunciar, desenmascarar a calumnia e os calumniadores. E con transparencia, para que todos saibamos con que cartas xogamos (a política de subvencións aos medios, por exemplo), e un plan de educación da cidadanía, dende as escolas, para construír un cidadán novo, culto, crítico e esixente. Algo deben dicir os colexios profesionais de xornalistas sobre este punto, e as facultades de comunicación, que poden converterse en observatorios críticos. Todo está nos códigos deontolóxicos, para quen queira facerlles caso.