A Galicia que falta

Paulo Carlos López PORTAVOZ DE SUMAR GALICIA

OPINIÓN

Brais Lorenzo | EFE

19 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O resultado de Sumar Galicia nestas eleccións foi malo. Non é o noso estilo pór panos quentes, nin botar balóns fóra. Fomos ás eleccións cunha idea clara que non soubemos converter en votos. Esa idea era que necesitabamos expandir a maioría do bloque do cambio, non agrupala. Era a primeira vez que nos presentabamos a estas eleccións e de momento seguiremos fóra do Parlamento, pero Galicia segue precisando a Sumar. O importante agora é remangarse e traballar.

Galicia segue necesitando cumprir cunha lei de vivenda estatal, dar recursos á sanidade pública e afrontar os problemas de soidade non desexada e a saúde mental do noso país. Segue precisando un sistema de coidados decente e un maior compromiso coa loita contra as violencias machistas. Seguimos precisando uns medios públicos que non mintan e unha reforma fiscal. Galicia precisa unha estratexia industrial verde como é debido.

Seguirán, pola contra, os regalos fiscais, os alugueiros imposibles, a degradación da sanidade pública, tantas outras cousas polas que paga a pena seguir apostando polo cambio.

Permitídeme dedicar as últimas palabras para agradecer ás persoas que nestas eleccións difíciles elixiron votar a Sumar Galicia e nos deron o seu compromiso: moitas grazas por confiar nesta ferramenta. Apréndese das vitorias e tamén das derrotas e iso é o que nos toca facer agora.

Aínda nos falta moita Galicia, que segue fóra, lonxe, e imos seguir traballando por alcanzala.