Carnaval, entroido, cultura

OPINIÓN

21 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Xunta de Galicia presentou onte unha das iniciativas máis plausibles, entusiastas e necesarias. A Xunta pretende declarar Ben de Interese Cultural o noso entroido. En global. Nas catro provincias. Quizá porque o entroido é unha definición de Nós, con maiúscula. Un pobo tolerante, crítico, capaz de levantarse contra as adversidades e capaz de gozar con momentos de música e luz. O entroido é luz. Porque entre todas as tebras de calquera presente sempre estarán as cores. As cores do corazón, esas que pintan de alegría este tempo que nos vive, este tempo que vivimos. A Xunta, para que en verdade sexa a Xunta de todos, tiña que elevar o espírito certo desta terra. Somos país hospitalario, pero somos sobre todas as cousas un país que fai da camaradería, a amizade, e os bos sentimentos, a carne da súa carne.

En entroido todo está permitido, ou case todo. O rico e o pobre iguálanse. O pobre e o rico cantan xuntos en calquera recuncho os himnos certos desta terra: nunha lancha de Marín, cantamos en Verín, e en Marín cantan todas as cancións que debuxan con lápices de anís estes días. Que febreiro non chegue con présa. Que saibamos esperar. Que dende hoxe mesmo, fareleiro en Xinzo, levantemos os dedos da alegría. A Xunta tomou unha iniciativa que debemos celebrar con emoción. Mesmo habería que cantarlle unha canción á cultura. A de verdade. A das lareiras, e baiucas, e furanchos, e bares, e tabernas. Somos o que soñamos, dixen mil veces. O soño do entroido é a nosa Cultura.