«La imposición del gallego»

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

XOÁN A. SOLER

22 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando rematan de facer os deberes, as nenas póñense a ver a tele, e xa me enervo. Veña esa manía de copar as plataformas con series en galego. Pasa igual que na escola, rodeadas de galego por todas partes, que ata veñen os rapaces doutros países e aprenden galego a todo correr: se non, en Vigo non se che integran, con todos os carteis do comercio en galego, os camareiros falando incluso en galego reintegrado, os impresos de calquera cousa en galego, que incluso tes que saber galego para poñer unha reclamación... Ata as misas son todas en galego. Os fillos dos directivos, que van todos a colexios de pago, atópanse con que a manda de roxos que goberna na Xunta logrou que non oias unha palabra de castelán nin sequera na radio, que ata hai uns anos era un refuxio para oír boa música, non esta cousa de agora, sempre ás voltas con Ses e Francisco Castro, ou a manía de poñer a Andrés Dobarro a todas horas. É unha tortura esta Galicia que fala galego en exclusiva e que relega o español a esas familias que resisten no convencemento de que falar castelán non é malo e que serve para andar polo mundo, que podes ir traballar a Arxentina ou a Bolivia, sobre todo se o combinas cun bo coñecemento do inglés. Puxeron o inglés nas escolas para quitar do medio o ensino en castelán, esa foi a manobra.

Pero menos mal que temos a Vox, que se vai presentar ás eleccións galegas e prometen acabar con esta imposición do galego que, indican —e teñen razón—, provocou a despoboación do rural e mais a crise económica. Segundo Vox, se non houbese imposición do galego, habería menos paro, todos seriamos máis ricos... e tralará! Chimpún. Claro que si. Ese é o nivel.