Non nos entenden, non: un recurso contra a Galicia do mar

Alfonso Villares, conselleiro do Mar CONSELLEIRO DE MAR

OPINIÓN

María Pedreda

21 oct 2023 . Actualizado a las 14:29 h.

Se lle consultamos a calquera persoa veciña dunha vila costeira de Galicia con que administración non querería ter relación, a bo seguro de que unha das más nomeadas sería Costas. Citar a lei de costas nestes espazos, que tan ben coñezo pola miña experiencia como representante público, supón poñerse a tremer. A Xunta está convencida de que non debería ser así.

As administracións e as normas deben entender e interpretar as circunstancias nas que se desenvolve a sociedade e adecuar a xestión e a ordenación para que, dentro da sustentabilidade e o respecto ao medio, poidan acollerse as súas necesidades e demandas.

Só así se entenden cuestións coma as que atinxen á nosa relación socioeconómica coa costa. Só así se entende que as casas dos nosos devanceiros se erixisen en terreos costeiros de area ou pedra, onde non se daban os cultivos. Só así se entende que as actividades relacionadas co mar se dispuxesen preto da costa, onde a operatividade da descarga ou carga de produtos do mar se fixera máis doadamente.

Cando falamos de entender o medio e de actuar no eido normativo, falamos de facer que a Administración coñeza as necesidades da veciñanza. Achegar a xestión diaria e adecuala ás circunstancias da nosa terra e do noso mar é, por tanto, unha máxima que asumo como cidadán e practico como conselleiro.

Ese compromiso en favor do noso territorio e dun futuro próspero e sustentable é tamén a base sobre a que o Goberno galego asenta as estratexias e todas as medidas que toma. A Lei de Ordenación e Xestión Integrada do Litoral de Galicia constitúe un dos mellores exemplos.

Unha lei que non tivo ningún voto en contra. Naceu do diálogo e do entendemento co sector e negociáronse aportacións dos grupos políticos, pois búscase o maior consenso. Entre todos podemos e debemos garantir a plena seguridade xurídica ás empresas que traballan no noso litoral, ofrecer un futuro a toda a xente que vive do mar e manter o maior respecto e coidado cara os ecosistemas.

Defendemos os lexítimos intereses das galegas e os galegos e facémolo co aval do Observatorio do Litoral, dos maiores expertos xuristas na materia e do Consello Consultivo de Galicia, onde non aprecian traza algunha de inconstitucionalidade, pois o artigo 27 do noso Estatuto de Autonomía recoñece plenas competencias para ordenar o noso litoral.

Non se entende o recurso deste Goberno central en funcións ante o Tribunal Constitucional. A súa decisión é incomprensible e arbitraria: están en funcións para crear problemas, mais cando se lles chama para resolvelos din que non poden mover ficha. Agardaron ao límite de que expirase o prazo e foron directamente cara a confrontación.

Para rematar, presentan un recurso citando como fundamento un suposto informe do Consello de Estado do que seguimos sen ter coñecemento. Como pretenden que defendamos os intereses de todos os galegos se non se nos da acceso aos argumentos nos que basean o seu ataque? Iso chámase vantaxismo e escurantismo.

Non van contra un texto lexislativo, prexudican a unha cadea produtiva mar-industria que sustenta 40.000 empregos e xera 9.000 millóns de euros anuais. Unha cadea onde cada un dos elos é vital e insubstituíble.

A lei do litoral aporta en cambio garantías e seguridade xurídica, a estabilidade que nos demandan as empresas e concellos costeiros. Aportamos certezas, mais non só a empresas que moven vilas enteiras, tamén para a prestación de servizos básicos.

Non seremos nós quen obriguemos a marchar da nosa costa a empresas que acreditan sobradamente o seu compromiso co medio ambiente e coa sociedade e a economía local. Non iremos contra o asentamento de servizos básicos para os nosos cidadáns, nin negaremos novas vidas e alento a actividades tradicionais que marcaron o devir das nosas vilas costeiras durante décadas.

Aquí sabemos coidar do mar, do noso litoral e das persoas que viven da pesca, o marisqueo e a acuicultura. Con esta lei sentamos as bases para que así sexa. Defenderemos as nosas competencias e unha lexislación que vai de entender a relación coa costa e o mar. Porque esta norma vai diso: de entender a Galicia.