Sen dubida, moitos cidadáns de diferentes conviccións, encamiñaron o seu voto ao PSOE, grazas as incongruencias manifestadas por opinadores e politiqueiros. Vóullelo relatar, pois algúns opinadores puxeron a caldo a Vanesa Iglesias, polo seu desacertado texto en Instagram, crucificándoa con brutal amplitude. O que chamou a miña atención foi que tan brutal crítica non concordaba con outras, nas que os mesmos opinadores chamábanlle Frankenstein a Pedro Sánchez, presidente do Goberno de España. Por senón o saben, a definición máis exigua e concreta de Frankenstein é «monstruo»; é dicir, estes opinadores teñen o dereito excepcional de insultar ao presidente do Goberno de España, mentres que vilipendian e inxurian a quen insulta á presidenta do Goberno da Comunidade de Madrid. No meu raciocinio, e coma min moitos máis, son incapaz de comprender semellante desacordo dos opinadores: aldraxar a uns é idóneo pero denigrar a outros é infausto.
Así mesmo, no mundo dos politiqueiros as cousas foron parellas. Moitos politicastros consideran que as súas opinións son as únicas certas e temos que aprendelas, aínda que hai un gran desacordo entre as súas afirmacións e a realidade. Algúns exemplos. I.D.A.: «El cambio climático es comunismo»; R.A.H.F.: «El cambio climático son postulados del comunismo»; B.N.: «Niego el cambio climático». Estas afirmacións, entre outras moitas, e a realidade cientificamente demostrada provocaron que a cidadanía votante escapase de quen esgrime semellantes argumentos mediocres e anómalos. A gran maioría dos votantes saben pensar, razoar e sopesar, posuíndo coñecementos básicos da realidade, polo que é insultante que os politicastros pretendan que acepten, sen mais, semellantes babecadas.
Tampouco pódese comprender que se son legais tódolos partidos que preséntanse ás eleccións e os seus candidatos elixidos, por que moitos opinadores e politiqueiros denigran tanto a moitos deles. Semella que nos queren dicir que uns partidos son os bos e moitos outros son unha porcallada porque defenden a súa identidade lingüística e cultural e din deles que queren romper España. Non será que os que queren rompela son os que levan tanto tempo impoñendo agresivamente a todos a súa lingua e cultura. Eu que son bilingüe, cando falo en galego e alguén me di que lle fale en español, sempre dou a mesma resposta: en español estouche falando ou é que o galego, o catalán e o euskera non son tamén linguas españolas; non será que ti queres que te fale en castelán.
Eu aprendín do meu pai o sentido democrático de respecto á liberdade e igualdade de tódolos cidadáns ante a lei. El que era conservador, no seu despacho nunca tivo unha foto de Franco, senón que o presidía un busto de Calvo Sotelo. Cando triunfa o golpe de Estado franquista, sabendo el o que ía pasar no Concello, desmontou o cadro de Pablo Iglesias Posse e trouxo o óleo para casa, porque para el era un ferrolán moi importante e non merecía que o destruíran. Pouco antes de morrer encargoume que, cando fose posible, o devolvera ao Concello de Ferrol. No 2002, cando fun nomeado ferrolán do ano, devolvino na comida de irmandade entre os concellos de Ferrol e Lugo, presididos, respectivamente, por Xaime Bello e José López Orozco. Dende aquela o óleo de Pablo Iglesias Posse está de novo pendurado nas paredes do Concello de Ferrol grazas a un cidadán ecuánime: Agustín Urgorri Díaz (1904-1982).