Galiza sen Castelao non sería nada

Miguel Anxo Seixas Seoane PRESIDENTE DA FUNDACIÓN CASTELAO

OPINIÓN

María Pedreda

28 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

En xullo de 1936 o deputado do Partido Galeguista, Castelao xunto coa súa dona, Virxinia Pereira Renda, achegáronse a Madrid para asistir á entrega dos resultados do referendo do 28 de xuño de 1936. Ese domingo o pobo galego déralle a súa aprobación ao Estatuto de Autonomía de Galicia. Esa data era unha conquista política dos galegos.

Estivo presente o 15 de xullo con outros representantes na entrega desa documentación perante o presidente das Cortes e o 17 ante o presidente da República Manuel Azaña. Pero o programado golpe de Estado xa non lle permitiu regresar a Galicia cando o intentou. O seu compromiso era a defensa da República e da democracia, da liberdade, e diso se entregou.

O Goberno da República, abandonado por case todas as democracias, perdeu a guerra e Castelao xunto con outros viuse obrigado a ser un exiliado. O 16 de xullo de 1940 arriba a Buenos Aires onde vai seguir co seu proxecto político. Por iso dende 1942 el vai crear dúas novas datas para conmemorar: o 28 de xuño, o Día do Estatuto e o 17 de agosto, Día dos Mártires Galegos.

Castelao, que renuncia ao seu labor de escritor e de artista, concéntrase exclusivamente na actividade política. Por iso el vai ser a memoria e o valedor desa conquista do pobo galego o 28 de xuño. Para esa data preparaba cada ano un discurso que pronunciaba ante as entidades convocadas nese día solemne. Amais outras accións, a Irmandade Galega, a colaboración cos gobernos vasco e catalán e a tentativa de pacto de Galeuzca, a súa escrita (Sempre en Galiza, 1944) e a creación do Consello de Galiza, eran todas para que Galicia existise no exilio e para defender os seus dereitos en calquera negociación desa España republicana. Esa data do 28 de xuño era preparada en Buenos Aires con devoción e con decoro. Asemade, Castelao conseguira que nas Cortes da República celebradas en México, o 9 de novembro de 1945, se formase a pendente Comisión do Estatuto galego para que ditaminase sobre el.

Nomeado ministro da República en marzo de 1946 no Goberno de Giral Pereira, embarcouse con destino a Francia onde estará pouco máis dun ano. Non puido estar en Buenos Aires o 28 de xuño de 1947, pero envioulles un texto que foi lido na súa ausencia.

Regresou a Arxentina, onde aporta o 20 de agosto de 1947. Alí preparou un libro para deixar constancia da conquista do Estatuto que non asinou e que titulou O Estatuto de Galiza. Antecendentes e comentarios, que se imprimiu e distribuiu en Buenos Aires o 28 de xuño de 1948. Era a súa derradeira intervención nese acto, do que hoxe se cumpren 75 anos.

O Parlamento de Galicia acaba de editalo xunto cun estudo introdutorio no que se conta o esforzo que fixo Castelao na defensa do Estatuto, e, en setembro, presentarase nunha cumprida homenaxe a el e ao Consello de Galiza.