«Detectores de frecuencias»

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

Sandra Alonso

07 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A rapazada que enfronta o exame de ABAU no 2023 atopouse cunha advertencia contra trampas con apoio das TIC: nas aulas vai haber detectores de «frecuencias» («nenos, que vos poden cachar co móbil»). No descoñecemento dos principios da radiocomunicación ninguén se revolverá cun «profe, iso é unha parvada», salvo algún fillo de físico ou enxeñeiro de telecomunicación. É criticable que os responsables das probas caesen na vulgaridade dos que tamén falan de «inhibidores de frecuencias».

Nada máis digno ca ensinar, nin máis satisfactorio ca transmitir conceptos claros: os sinais radioeléctricos caracterízanse por amplitude, frecuencia e fase. Un teléfono móbil é un receptor-emisor conectado cunha rede celular extensa, máis coas reducidas da WiFi. Alén diso crea as súas propias redes de WiFi, Bluetooth e NFC. A celular xeral, a de WiFi e a de Bluetooth usan emisións dentro de cadanseu marxe de frecuencias. Para comprobar se hai actividade nesas redes úsanse receptores que miden a amplitude de sinais dentro de tales marxes: se non hai amplitude correspondente á potencia radiante, que importan as frecuencias? A advertencia para os «nativos dixitais» (outra asneira semántica) debería ser «aulas con detectores de dispositivos celulares» (e ollo, profes, que hai reloxos con acceso a redes).