Que significa votar útil en Galiza?

Ana Miranda EURODEPUTADA DO BNG

OPINIÓN

Sandra Alonso

31 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando na noite electoral do domingo recibiamos os resultados, a alegría de saber que Santiago, a capital de Galiza, terá unha alcaldesa nacionalista foi un contaxio de optimismo e esperanza a todos os recunchos do país. Polo simbolismo que ten Compostela para o pobo galego e polo exemplo de que votar ao Bloque é e será o motor de cambio para que moitas vilas e cidades teñan ou poidan ter gobernos de esquerda. Chámase fidelidade, lealdade, non fallarlle ás galegas e galegos.

Ao día seguinte, a noticia de que o presidente Sánchez convoca eleccións xerais entra nos teletipos e remove a área política. Porque ninguén, salvo el mesmo, o agardaba, e porque a xogada de adiantalas para frear a coalición PP-Vox pretendendo ser a alternativa contra o dúo dinámico dereita-ultradereita parécelle a mellor opción. E non é así. Porque o tinte oportunista do adianto electoral, sen que o pobo respire, non é unha boa xogada.

O inicio, no mes de xullo, da presidencia española da Unión Europea ía ser un grande escaparate para Sánchez. Este pretendía lucirse aproveitando os consellos europeos ou a presenza no Parlamento Europeo para lanzar a súa candidatura electoral. Con este cambio de calendario, a asunción da mesma presidencia de turno terá lugar en plena precampaña electoral, con incerteza do que vaia acontecer o domingo 23 de xullo.

Se Sánchez pretende ser a única dose contra o fascismo e os seus calados acompañantes, debería facer unha lectura miúda sobre os resultados electorais en Galiza. No noso país o voto útil para o cambio é o BNG, porque, ademais de ser garantía na batalla contra a dereita e a extrema dereita, ofrece tamén unha alternativa en positivo encabezada pola futura presidenta, Ana Pontón. Un feito é claro: sen o BNG encabezando o Goberno galego non haberá cambio de esquerdas na Xunta; sen o BNG en Madrid ninguén defenderá os intereses galegos, como quedou demostrado; sen o BNG en Bruxelas, humildemente o mesmo. Cando se vota ao BNG «é un dous en un», vótase polos intereses galegos e vótase por frear ao binomio Feijoo-Vox. Máis aló do tacticismo de Sánchez, ese é o verdadeiro voto útil en Galiza. Porque o centralismo de dereita e de esquerdas é malo para Galiza.

A visión centralista que se promove desde Moncloa busca polarizar, busca a dicotomía. Ou comigo ou contra min; ou me votas a min ou chegan os malos. Por sorte, o mundo é máis complexo, e en clave galega o oportunismo táctico non aporta nada. Que é votar útil, en Galiza? Nin branco nin negro, senón cores vivas de xente optimista que loitamos pola nosa terra sen dobrarnos nin a oportunismos nin a comenencias, estando sempre ao servizo desta nosa terra. A decepción de moitos votantes doutras forzas coas políticas do Goberno español pode ter unha oportunidade en darlle por fin a Galiza un grupo propio do BNG no Congreso. Ese voto dobre de parar a dereita e defender Galiza en Madrid.