De cativos, desexamos voar. Logo medramos e aparecen os atrancos para sucar os ceos. Voar é unha ilusión que salva. Para Peter Pan ou Dumbo foi sinónimo de sobrevivir.
Os días de vento pecho os ollos e o xesto faime sentir liviá. Ás veces abro os brazos e soño, sen chegar a durmir, que estou voando. A sensación que se me instala por dentro é a dun sorriso que acouga, a da calma, a da satisfacción de manter o equilibrio pese os refachos. Eu tamén quero voar.
Mais o medo vai segando as ás. Hai que xuntar moitas forzas para atreverse. Ou vivir tan desesperado que resulte máis fácil que camiñar ou manterse en pé, coma se fose a única saída a un incendio que devora un edificio por dentro.
Quizais Aleksandra e Anastasiia querían voar, por iso en lugar de ir á escola subiron ao sexto andar. Sabían que alí había unha ventá a outro mundo, quizais máis agradable que o que elas pisaban. Pode que Mitogo tamén quixera ser un martiño peixeiro sobre o Miño, procurando o agarimo da auga doce. Leila e Alana, outras xemelgas, buscaron tamén así afastarse dos problemas.
Non son os únicos. Hai tamén quen usa métodos diferentes. Chamémoslle voar a todos eles.
É moi preocupante que cada vez máis mozos deixen esta vida por desesperación. Querer voar a un paraíso é marabilloso, pero non debe deixar de facerse en sentido figurado. Como moito, coller un avión para chegar a unha paraxe desexada. A nosa obriga é construír unha sociedade que sexa illa protectora, e non unha terra hostil da que querer fuxir.