Candidatos de Bildu

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

20 may 2023 . Actualizado a las 10:39 h.

Cando nas listas de Bildu apareceron sete ex etarras condenados por delitos de sangue, quedei desnortado. Eu defendera nesta sección que Bildu e ETA non son o mesmo can con distintos colares, como afirman tantos políticos e creadores de opinión, e estrañoume que Bildu decidise disputar o voto ao PNV desde o radicalismo e desde a provocación cun feito ética e estéticamente inaceptable. 

Estrañoume porque, ao concorrer ás eleccións de abril do 2011, os candidatos de Bildu, ademais de rexeitar a violencia para acadar obxectivos políticos, declaraban ter «relación cero con ETA». Estrañoume porque a presenza de dirixentes de Bildu na homenaxe ás vítimas do terrorismo —de todo o terrorismo: o de ETA, o de Estado e o da extrema dereita—, que celebra o Parlamento Vasco cada 10 de novembro desde o 2016, non se interrompeu en ningún momento. E estrañoume porque os dirixentes máis novos de Bildu, que non proceden da esquerda abertzale, como Oskar Matute e Jon Iñarritu, non se privan de condenar publicamente os crimes de ETA, mesmo no Congreso dos Deputados, como fixo Iñarritu en 2020 ao responder a un deputado de Vox, pai dun garda civil asasinado

A decisión dos sete candidatos de non tomar posesión dos cargos públicos, no caso de saíren elixidos, «para no añadir dolor a quien ha sufrido y para desmentir que EH Bildu tenga como objetivo legitimar a ETA» e o feito de que Otegi aplauda a súa decisión, desoriéntame aínda máis. Pregúntome quen os propuxo para candidatos, que pretendía e como puido crer que a cidadanía tragaría. Non teño resposta para ningunha, pero todas se explican se en Bildu hai un sector influente para o que a actividade de ETA non foi terrorismo, senón loita pola liberación nacional, e os etarras non foron terroristas, senón soldados. Entendido así o terrorismo, nada impediría a inclusión nas listas dos sete condenados por delitos de sangue, que nunca os crimes de guerra foron un atranco para o posterior exercicio da política.

Quizais o máis horrendo da nosa historia sexa o fusilamento da nai do xeneral Cabrera, na primeira guerra carlista, polo brigadier Nogueras Pitarque coa autorización do xeneral Espoz y Mina; ao que respondeu o xeneral carlista fusilando as mulleres de varios mandos isabelinos. Espoz y Mina e Cabrera teñen rúas e prazas en varias cidades españolas, e Nogueras Pitarque foi ministro da Guerra e senador. E que dicir de Franco, que asinou incontábeis penas de morte, bendicido pola Igrexa nunha España franquista durante o franquismo e parte da Transición? Pío Moa e os seus epígonos afirman que Franco só condenou a morte a roxos criminais de guerra, pero iso é falso e tan torpe como as candidaturas de Bildu.