Como facer invisible ao neno do agro?

Isabel Calvete VICEPRESIDENTA DA CONFEDERACIÓN DE ANPAS GALEGAS (INCLÚE 9 FEDERACIÓNS DE ANPAS DE COLEXIOS PÚBLICOS: VIGO, LUGO, VALMIÑOR, CANGAS, FERROLTERRA, COSTA DA MORTE, REDONDELA, SANTIAGO E PONTEAREAS)

OPINIÓN

María Pedreda

09 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días presentouse na comisión de Educación do Parlamento de Galicia, unha demanda do grupo parlamentario socialista, que tivo o apoio do BNG, sobre a necesidade dun plan educativo específico para o medio rural, baseada nun traballo que se fixo dende Anpas Galegas. Trata sobre o agro, sobre a necesidade dun cambio de rumbo nas políticas de xestión do rural, neste caso dende un punto de vista educativo.

En Anpas Galegas sabemos ben os problemas do ensino público porque nos chegan todos os días, nin os imaxinamos nin temos necesidade de inventalos: sabemos das carencias dos colexios con pouco alumnado (pouco alumnado é equivalente a poucos recursos), sabemos das dificultades das anpas para organizar calquera actividade extraescolar, sabemos o que se sinte tendo que mandar as túas fillas con 16 anos a vivir á cidade porque non hai oferta educativa preto da casa, e mesmo sabemos que unha nena ou un neno que precisa apoio educativo ten que telo aínda que sexa a única persoa de todo o centro escolar que o precise, sabemos que os nenos do campo non están en igualdade de condicións formativas que o alumnado das vilas e cidades, e non só dentro dos seus colexios ou institutos, falamos tamén de ensinanzas de idiomas, música, arte, deportes… Falamos dos esforzos de tempo e diñeiro que fan as familias que viven no medio rural.

E sabemos moitas máis cousas. Sabemos que cando se fala dos problemas dos centros escolares, e nos responden con números e informes Pisa, e contándonos as marabillas do ensino público galego, por outro lado hai colexios con 13 nenos que agrupan todos os cursos de primaria nunha soa aula e que a día de hoxe están practicamente empezando os libros do segundo trimestre. Non cadran as respostas coa verdade, nunca cadran.

E como sabemos cal é a realidade rural, pensamos que era boa idea preguntar ás anpas, as familias directamente, aos expertos e mesmo aos representantes políticos. E foi iso o que fixemos, preguntarlles como vivían, miraban e sentían o medio rural. Preguntamos tamén se vían futuro, se era posible reverter a tendencia á despoboación. Preguntámoslles moitas cousas.

Coidamos que grazas as súas achegas fomos quen de retratar a realidade do ensino rural con bastante certeza. O sorprendente de todo este proceso e todo este traballo é que non atopamos nada semellante. Con isto non queremos dicir, enténdasenos ben, que o noso sexa algo extraordinario, nin moito menos. Somos persoas voluntarias que un día entramos nunha anpa e comezamos a traballar no pouco tempo que tiñamos dispoñíbel, máis nada; o que queremos dicir e que… como é posible que ninguén se molestara en preguntar á xente do campo cales eran as súas eivas en materia educativa ou en calquera outro ámbito?

Como é posible que non haxa enquisas sobre isto, datos, algo? Opinións da xente das aldeas, da que dá de comer a todo o país, da que protexe á paisaxe, da que evita —porque fica nos pobos e limpa as fincas e os camiños— que entre o lume en Compostela ou en Ourense. Pois semella que non.

Pero o peor non é iso, talvez o noso traballo poida ser un punto de partida para facer ou repensar algo, ou para facelo mellor, porque de feito pode facerse. Se serve para iso estarían máis que xustificadas o montón de horas que investimos nel, o peor e a inconsciencia e a soberbia con que se recibiu pola representante de Educación esa demanda dos partidos da oposición sobre a necesidade dun plan específico para o medio rural.

Inconsciencia porque ignora e menospreza a visión do rural da xente que nel habita e que debera ser o único punto de vista a ter en conta para resolver a problemática que supón ter un agro baleiro; e soberbia porque non ten nada mellor. Os problemas seguen estando aí, dá o mesmo que os mire ou que non. E xa se dará conta de que son problemas de país, non duns poucos votos. Nós seguiremos loitando polo ensino público en todas partes, tamén no ámbito rural; e agardamos que cando vaiamos ao Parlamento haxa outra xente para escoitarnos, porque alí tamén imos estar.