
O pouco eco que a exhumación dos restos de José Antonio tivo nos medios de comunicación indica que o fundador da Falanxe perdeu interese como figura histórica. Xa en 1980, ao presentar o libro En busca de José Antonio, de Ian Gibson, o historiador Ángel Viñas afirmou que o personaxe obxecto do estudo sería unha nota a pé de páxina na historia de España sen a utilización que Franco fixo do falanxismo. É unha opinión compartida pola esquerda española, que pode ser atinada; pero boa parte da esquerda ve tamén a José Antonio como un señorito chulo, de extrema dereita e disposto a chegar ao poder coa dialéctica dos puños e das pistolas. E esa imaxe non é veraz.
José Antonio rexeitaba o socialismo marxista, pero entendíase mellor cos socialistas e anarquistas moderados que coa dereita reaccionaria. Despois de escoitarlle un discurso parlamentario, Sánchez-Albornoz comentoulle: «Si continúa por el camino que le he visto avanzar esta tarde va a desilusionar a las derechas españolas que le siguen». E José Antonio respondeulle: «Albornoz, lo sé y hasta he podido comprobarlo. Desde que he girado hacia la izquierda me han suprimido la subvención con que favorecían mis campañas». Desa perda da subvención falou nun mitin no cine Madrid, en maio de 1935: «Esperaron, al principio, que nosotros viniéramos a ser la avanzada de sus intereses en riesgo, y entonces se ofrecían a protegernos y a asistirnos, y hasta a darnos alguna moneda, y ahora se vuelven locos de desesperación al ver que lo que creían la vanguardia se ha convertido en ejército entero e independiente». Foi a coalición gubernamental de dereitas formada polo Partido Radical de Lerroux e a CEDA de Gil-Robles a que apoiou, en 1934, o suplicatorio do Tribunal Supremo para procesar a José Antonio por ter na casa dúas pistolas; e foi o socialista Indalecio Prieto quen o defendeu e conseguiu que quedase sen efecto ata o remate da lexislatura; pero a concesión daquel suplicatorio levouno ao cárcere en 1936.
O da dialéctica dos puños e das pistolas díxoo no mitin fundacional da Falanxe e non o repetiu, pero aínda hoxe citamos a frase para explicar os crimes da Falanxe na Guerra Civil, como se os paseadores seguisen ordes do líder. Non foi así. A José Antonio íalle a dialéctica dos puños, pero non a das pistolas. Morreran asasinados vinte mozos falanxistas, sufrira dous atentados e seguía sen autorizar a violencia. A prensa de dereitas mofábase dicindo que as siglas F.E. eran de Funeraria Española e a el chamábanlle «Juan Simón, o enterrador». Se José Antonio fose un pistoleiro non condenarían a súa morte e eloxiarían a súa persoa tantos e tan importantes adversarios políticos.
Despois de cinco inhumacións ten a que, sen dúbida, el escollería.