Ulir as flores

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

OLIVIER HOSLET | EFE

05 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Era un documental sobre David Wojnarowicz no que, a través da súa complexa e diversa obra, amosaban a vida deste artista e activista norteamericano que morreu de sida en 1992, con trinta e sete anos. O seu director, Chris McKim, conseguiu contar a historia dun xeito tan artístico coma a obra en si, e é precisamente por iso polo que cada unha das palabras recitadas polo propio Wojnarowicz facíanse aínda máis relevantes do que xa eran, especialmente nos tempos nos que estamos nos que parece que imos cara atrás con respecto a dereitos e liberdades. Pero hei de confesar que a frase do documental que quedou resoando na miña cabeza durante todo este mes nada tiña que ver co seu activismo político, senón cunha especie de activismo vital: «Smell the flowers while you can», algo así coma «ule as flores mentres podes». Supoño que sería polo contexto da vida deste fascinante artista, pero ao escoitalo comecei a pensar na idea de que non sempre somos conscientes da velocidade coa que esquecemos desfrutar dos momentos fermosos cando estamos ben, do que significa abrazar unha vida un pouco máis lenta para quizais poder permitirse ese pequeno luxo de parar e ulir as flores que están a florecer por todas partes. Pensei no difícil que é facelo cando a túa cabeza anda a mil buscando o xeito de sobrevivir, ou cando realmente o tempo non dá para nada máis que apagar lumes e marchar para a cama coa esperanza de que mañá haxa menos lumes que apagar. Pero a verdade é que, ás veces, unha ten que dicirse a si mesma «ule as flores mentres podes», pois a vida pasa correndo, e de súpeto xa non podes desfrutar desas pequenas cousas que fan a nosa existencia algo máis levadía.