Portugal: 4.815 nenos foron vítimas de abusos

Olegario Sampedro DOUTOR EN PSICOLOXÍA

OPINIÓN

TIAGO PETINGA | EFE

04 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Relixión, política e sexo é o clásico triunvirato argumental vetado nas reunións familiares. Non obstante, en ocasións, saltar este impedimento non só é un oportuno exercicio, senón tamén un obrigado precepto.

 

A Igrexa católica, neste caso a portuguesa, vén de acreditar que 4.815 é a mínima e dolosa cifra de nenos que padeceron abusos sexuais cometidos por irredentos pederastas que se ampararon na inexplicable inmunidade que lles confería un hábito relixioso do que non eran, nin son, merecedores.

«O señor pai é o voso Deus» era a frase máis repetida polos depredadores mentres cometían o seus crimes, non só enlamando o segundo mandamento dese dogma do que non son dignos, senón mesmo tratando de exculparse do crime máis inadmisible: a profanación da inocencia.

É evidente que o célebre aforismo de Juvenal de hai case dous milenios, «máximo respecto débeselle ao neno», foi proclamado en balde se esta inhumana degradación se tolera sen que todos, sen excepción, aliñemos, de forma unívoca e inequívoca, a nosa voz para denuncialo.

Porque, como non alzar a palabra diante dos espurios alentos que aldraxan inocentes calugas? Como non berrar ante bestas que obrigan a mans indefensas a fondear en impropias xeografías? Como non ruxir diante de seres que non expresan ningún remordemento en mesturar noxentas babas con infantís bágoas? Como non rebelarse perante desalmados que transforman a propia culpa nun pecado da vítima? Agora debes ir a confesarte, dicíanlles...

A afonía é a arma do cómplice; o silencio, a gravosa peaxe dos mártires.

E xustamente por ambas razóns explicadas, eu alzo a miña voz e falo.