Previr o acoso escolar, materia pendente

Beatriz Gómez Gómez TRABALLADORA SOCIAL

OPINIÓN

Ana Garcia

02 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Non so o 2 de maio, día internacional contra o acoso escolar, senón tamén os outros 364 días do ano cómpre lembrar a magnitude desta problemática á que toda a sociedade debe facer fronte; e para iso, é esencial coñecela, unha tarefa nada sinxela posto que polo menos unha de cada catro vítimas non o conta nunca ou tarda moitos meses en facelo, e tamén é fundamental mover ficha, actuar.

O suicidio de Jokin en 2004 marcou un punto de inflexión: pasouse de tratar o tema como «cousas de nenos» a centrarse no acoso escolar como unha problemática sobre a que intervir, converténdose nunha preocupación social. Nin son cousas de nenos nin falamos so de cifras. Son menores que sofren maltrato por parte dos seus iguais, de forma repetida ata o punto de amosar, como indican estudos recentes, seis veces máis probabilidades de presentar trastornos psicolóxicos como a depresión e ata cinco de manifestar ideacións suicidas.

Analizando as cifras do estudo Impacto da Tecnoloxía na Adolescencia, levado a cabo por Unicef, o psicólogo Antonio Rial Boubeta, considera que a maior parte das estatísticas relacionadas coa violencia en mozos están experimentando repuntes nos últimos anos.

O psicólogo Ricardo Fandiño destaca que é frecuente que se poñan nos nenos e nenas expectativas de éxito e estimulalos nun sistema educativo e relacional cada vez máis competitivo. Neste contexto, cando chegan á adolescencia, cústalles moito saber de tolerancia á frustración, das propias limitacións, das dificultades, do esforzo, etcétera. Necesitan que o éxito estea garantido e realmente o éxito social é moi difícil para eles. Se ademais son mozos con dificultades no desenvolvemento da empatía, o risco de reaccionar violentamente cando non conseguen o que queren aumenta, ben sexa de forma autoinfrinxida (autolesións ou suicidio) ou exercendo violencia cara outros.

Se entendemos que crecer é un proceso de sucesivos desprendementos de cara á autonomía en función das habilidades adquiridas (Mirtha Cucco, 2012), entendemos que nenos deberían chegar á adolescencia preparados, ou cando menos con certos mimbres esenciais, como ter adquirida a noción de límite, de que non todo é posible (por moito que a boneca Barbie repita «puedes ser lo que quieras ser», non é certo) ou ter interiorizado que o outro tamén conta, inda que o imaxinario social actual, a atomización e individualización nas que estamos inmersos e nos atravesan a todos, dificultan estes procesos.

Todos queremos que o entorno máis próximo nos quera. Os adolescentes queren ser aceptados polos seus pares. Sentir que iso pode estar en cuestión xéralles un sufrimento que para que non chegue a manifestarse de formas máis ou menos patolóxicas (comportamentos inadecuados, disruptivos, violentos...) deben poder elaborar, e para iso contar con adultos referentes que lles axuden a decodificar o que acontece e elaboralo de forma saudable.

Os centros de ensino son espazos idóneos para detectar estas situacións de vulnerabilidade, de desigualdade, de abuso, actuar para previlas e dotar á mocidade de ferramentas para poder resolvelas de xeito saudable.

Tarefa difícil pero non imposible, para a que contamos con avaladas estratexias de prevención universal como o YAM (Youth Aware of Mental Health), programa impulsado en Galicia grazas ao traballo do psiquiatra Alexandre García Caballero, consistente en convidar aos participantes a aprender e debater sobre saúde mental nun espazo sen prexuízos. No YAM, o alumnado participante interpreta dilemas e situacións da vida cotiá, debatendo como os fan sentir, proporcionándolles información, etcétera.

O modelo social que nos atravesa a todos, que busca a felicidade inmediata a través do consumo, que promete fantasías que logo non se cumpren, conduce aos adolescentes a unha fraxilidade extrema ante o fracaso, tendo en conta que ante a incerteza do futuro so queda o agora, e cando este é doloroso (acoso, abuso, rexeitamento...) aparece a ideación suicida.

Debido á natureza social destas situacións, a solución pasa por fomentar un «contra consenso» que desafíe os consensos establecidos sobre a crianza, o proceso de crecer, os valores e ideais de referencia... Convén xerar espazos de reflexión grupal, con adolescentes, con proxenitores e con docentes, que é, en boa parte, o que ofrece o modelo YAM.

Se apostamos por un modelo educativo que forme ante todo persoas, debemos traballar tamén desde o grupal nos centros educativos, xerando espazos de reflexión colectiva nos que tentar deconstruír os modelos hexemónicos establecidos, modificar prácticas sociais que promoven as desigualdades e rehabilitar o benestar na comunidade educativa e, por extensión, na sociedade en xeral, e para iso non chega so un día de visibilización, debe ser unha materia permanente ao longo de todo o ano.